Unha fundación difundirá a obra do muxián López AbenteUn home calado e serio que deixou unha inxente obra

Xosé Ameixeiras
x. ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

A CORUÑA

Numerosas institucións galegas participan na entidade creada onte

30 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O Concello de Muxía e un grupo de intelectuais, coa colaboración das principais institucións culturais de Galicia, crearon oficialmente onte a Fundación Gonzalo López Abente, unha institución que nace co propósito de sacar do esquecemento a obra dun dos tres principais poetas galegos da primeira metade do século XX. O acto tivo lugar nun ateigado salón de sesións do concello muxián e foi presidido polo alcalde, Félix Porto, quen dixo que a nova entidade nace co compromiso de que as xeracións futuras poidan gozar do legado dun poeta que é «un dos máis valiosos referentes da nosa terra».

Firmaron como patróns os presidentes da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, e a Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda; os reitores das universidades da Coruña e Santiago, José María Barja e Juan José Casares; Francisco Díaz-Fierros, polo Consello da Cultura Galega; Luís González Tosar, do PEN de Galicia, e Cesáreo Sánchez Iglesias, da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

A fundación ten como primeiros obxectivos publicar as obras Bretemada, que aínda está inédita; Noveliñas do Mar, unha recompilación das súas novelas curtas, e a reedición dunha antoloxía poética do autor, entre outras tarefas. Toda a obra de López Abente está esgotada actualmente.

A xornada completouse cunha visita á tumba de López Abente, diante da que recitaron versos de Abente Ribadulla Corcón, Miro Villar, González Tosar, Cesáreo Sánchez, Méndez Ferrín e Antonio Balboa, parente do homenaxeado.

A xornada rematou na sede da fundación, a Casa das Beiras, coa interpretación por primeira vez en galego do himno da Barca, do que Abente é autor.

Gonzalo López Abente era, segundo Vicente Risco, «estraño, calado e serio, cunha cortesía exquisita». Naceu, como el mesmo ten escrito, o 24 de marzo de 1878, día de feira en San Isidro. Licenciouse en Dereito. Ben novo viaxou por varios países de Europa. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos e de varias organizacións galeguistas, presidiu a Asociación de Escritores de Galicia e en 1940 entrou na Real Academia Galega. En 1936 fixo campaña a prol do Estatuto de Autonomía. Finou no 1963 e deixou sete poemarios, moitas versos esparexidos noutras publicacións e revistas, e diversas obras en prosa.