«Contra la pared», do director alemán Faitj Akin, inaugura a programación de xaneiro do CGAI
A CORUÑA
A programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) para xaneiro comezará hoxe coa proxección de Contra la pared , do alemán de orixe turca Faith Akin, película gañadora do Ouso de Ouro e do premio ao mellor director no Festival de Berlín do 2004.
O CGAI incluirá diferentes ciclos monográficos dedicados a cineastas nacionais e internacionais, entre os que destaca o inicio da retrospectiva sobre o director norteamericano Samuel Fuller. Este ciclo comezará coa proxección das películas Forty Guns e Verboten! e continuará nos vindeiros meses.
O CGAI dedicará un ciclo específico aos cineastas Juan Villegas e Celina Murga, que incluirá a proxección de Sábado , de Villegas, e Los Otros , de Murga, ademais de varios dos seus curtos. Continuarase, ademais, co ciclo de Faith Akin coa emisión, despois de Contra la pared , de Cruzando los puentes , Los sonidos de Estambul e Al otro lado .
?Ciclo sobre Marcelo Expósito
O CGAI emitirá neste mes de xaneiro o ciclo titulado Marcelo Expósito. Ensaios sobre a nova imaxinación política , unha serie cos traballos deste artista e activista sobre o ascenso dos novos movementos sociais realizados entre o 2004 e o 2009. Estrearanse, coa presenza do propio Expósito, o seu último traballo No reconciliados. Nadie sabe lo que el cuerpo puede, filmado en Arxentina.
A programación de xaneiro inclúe, tamén, unha nova edición do ciclo New Hollywood Novos Thrillers , que este mes presenta as películas Los nuevos centuriones , de Richard Fleisher, La conversación , de Francis Ford Coppola, Pelham, 1,2,3, de Joseph Sargent e La jungla Humana, de Don Siegel. Ademais, e dentro da programación de CGAI Junior proxectarase, o sábado 16, Bienvenidos a Belleville , recomendada para nenos a partir de 11 anos.
Baixo o sello Fóra de serie o luns 11 de xaneiro proxectaranse algúns dos curtos premiados na última edición do festival de cine máis importante dos celebrados en Galicia, o de Cans. Esta proxección contará coa presentación de Alfonso Pato, director do festival, e coa presenza dos directores Dani de la Torre e Toni Veiga.