«Gustaríame ter algo que garanta o prezo xusto da vivenda»

A CORUÑA

Ten só 21 anos, pero declárase «convencida das súas ideas». Non fai botellón, pero apóiao «por dicir non ás prohibicións»

29 feb 2008 . Actualizado a las 12:43 h.

Non ten carné de conducir e asegura coñecer á perfección os horarios do transporte público, tanto bus como tren. «Do metro lixeiro penso que sería unha boa solución». Avia González Veira (A Coruña, 1986) espera rematar este ano os seus estudos de Filoloxía Galega. «Logo aínda non sei a que me vou dedicar, se á docencia ou á investigación», conta. Durme seis ou sete horas diarias «cando podo», gústalle a música da lusofonía, de Ruxe Ruxe a Lamatumbá, e tamén os cantautores clásicos, como Silvio Rodríguez ou Pablo Milanés. Le agora Mayombe, unha novela do escritor angolano Pepetela. «É moi bo», afirma mentres revolve un café con leite clariño ao lado dun chupito de zume de mango.

-¿Como é que unha estudante da este paso de concorrer ás eleccións nun posto digamos que simbólico?

-Digamos que teño moi difícil saír, pero eu entendo a política como un servizo a unhas ideas. Propuxéronme a posibilidade e non tardei nin un segundo en decidir, porque eu estou a disposición do que decida o partido. -Pero leva unha carreira meteórica .

-Digamos que empecei a militar moi nova. Na miña casa sempre se falou de política con total liberdade. Eu son a terceira de catro irmáns, e o segundo sempre estivo moi metido. Empecei a traballar en Galiza Nova e agora teño este reto como apoio a unhas ideas e a un proxecto que entendo que é o mellor para Galiza.

-O BNG propón un cambio nas funcións do Senado.

-E que entendemos que ten que ser unha cámara de representación territorial e que os seus membros deben ser designados polos membros das distintas comunidades.

-¿Qué lei ou iniciativa querería impulsar se tivera a oportunidade de ser escollida?

-As miñas prioridades son dúas, aínda que a máis importante pasaría por incidir no prezo dos pisos. Gustaríame ter algo que garanta o prezo xusto da vivenda, tanto en aluguer como en propiedade. E tamén traballar para promocionar e abaratar o transporte público. Na Coruña non existe e é algo vital para garantir a igualdade da xente. Fan falla novas infraestruturas, porque as que hai son moi vellas. Tamén querería introducir algunhas melloras en leis como as da igualdade ou as de dependencia, que son moi necesarias para nós e nas que xa colaborou activamente o Bloque.

-¿Que lle parecen esas dúas Españas das que parecen falar esta campaña o PSOE e o BNG?

-O que me parece mal é ese afán por fomentar o bipartidismo. O outro día, no debate, presentaban a Zapatero e Rajoy como candidatos á presidencia do Goberno, cando non son máis que os dous cabezas de lista por Madrid, porque o que eliximos agora é un Parlamento. É unha maneira de empobrecer a democracia.

-Ou sexa, que falarlle de voto útil a vostede non compensa.

-E que o verdadeiro voto útil somos nos. O BNG quere axudar a definir un novo modelo se non hai maiorías absolutas. ¿O PP? Con eles xa sabemos que non hai maneira de negociar nada. Xa o vimos estes anos.