Quinta edición do OUR FEST en Expourense
Celebrarase o sábado 19 de setembro cun novo cartel de artistas nacionais e internacionais.
A programación musical da quinta edición contará con The Jesus and Mary Chain, The Mistery Lights, Fat Dog, Triángulo de Amor Bizarro, The Dream Syndicate e Germán Salto... todos eles conectan con máis de catro décadas de rock alternativo.
Nestes anos OUR FEST reuniu en Ourense unha parte esencial da historia recente do pop, o rock e a electrónica alternativa. O festival abre agora un novo capítulo: a súa quinta edición celebrarase o sábado 19 de setembro en Expourense con seis propostas que recollen a identidade construída polo Festival desde 2022, desde bandas decisivas das últimas catro décadas ata algunhas das voces máis persoais e estimulantes da escena actual.
Un pouco de historia
OUR FEST naceu coa vontade de incorporar Ourense ao mapa das grandes xiras e achegar a Galicia bandas que non adoitan formar parte dos circuítos habituais. A primeira edición tivo lugar no 2022, desde entón o festival foi construíndo unha identidade recoñecible a través de carteis ben elaborados e capaces de facer convivir distintas xeracións e maneiras de entender a música.
Ese percorrido permitiu que OUR FEST medrase sen perder a súa esencia: unha única xornada, un recinto cuberto e unha programación pensada para gozar dos concertos como protagonistas absolutos. O festival foi tecendo unha historia musical propia. Foi quen de conectar artistas de culto, bandas fundamentais e novas voces criando unha capacidade de convocatoria que supera as fronteiras de Galicia, atraíndo público de todo o Estado e norte de Portugal.
O ano pasado, na cuarta edición de 2025, reuníronse 3.000 persoas en Expourense e coincidiu cunha ocupación hoteleira próxima ao 90 % na cidade. Unha resposta que confirmou o crecemento da cita e a súa capacidade para converter a música en movemento cultural, turístico e económico para Ourense.
O presente
Este ano, The Jesus and Mary Chain achegan o peso dunha banda esencial para entender a evolución do rock británico; The Mystery Lights, a enerxía máis física do garaxe punk e a psicodelia neoiorquina; e Fat Dog, a vertente máis explosiva e contemporánea do cartel. The Dream Syndicate amplían esa dimensión histórica desde o outro lado do Atlántico, mentres Triángulo de Amor Bizarro representan unha das traxectorias máis sólidas e persoais da escena galega. Germán Salto completa o percorrido desde outra forma de entender a música: a artesanía da canción, o pop orquestral, o power pop e a tradición americana.
OUR FEST chega ao seu quinto capítulo cunha identidade construída desde Ourense e unha programación coidada e singular dentro do circuíto alternativo, nunha edición que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo. O festival manterá o seu formato dunha única xornada e un recinto cuberto no que a música ocupa o centro da experiencia. Desde o seu nacemento, a cita traballa para incorporar a cidade ao mapa das grandes xiras e achegar a Galicia propostas nacionais e internacionais que non sempre atopan espazo nos circuítos habituais.
OUR FEST é tamén unha invitación a descubrir e vivir Ourense arredor da música, unha proposta que conta desde a súa primeira edición co apoio da Deputación de Ourense. Durante a fin de semana do festival, a cidade das Burgas convértese nun punto de encontro para público de Galicia, doutros lugares do Estado e do norte de Portugal. A programación abre así a porta a unha escapada na que os concertos conviven coa cultura termal, o patrimonio e a gastronomía dunha cidade que forma parte inseparable da identidade do festival.
The Jesus and Mary Chain, The Mystery Lights, Fat Dog, The Dream Syndicate, Triángulo de Amor Bizarro e Germán Salto resumen boa parte da razón de ser de OUR FEST: facer convivir nunha mesma xornada artistas de culto, bandas que modificaron o curso da música alternativa e voces cunha maneira propia de entender a canción. O resultado é un avance coherente, con conexións entre xeracións, escenas e formas moi distintas de concibir o estudio e o directo. A quinta edición manterá o formato que permitiu ao festival medrar sen perder a súa esencia: unha única xornada, un recinto cuberto e unha programación pensada para gozar dos concertos como protagonistas absolutos. A cuarta edición reuniu 3.000 persoas en Expourense e coincidiu cunha ocupación hoteleira próxima ao 90 % na cidade, confirmando a capacidade da cita para atraer público de Galicia, doutros puntos do Estado e do norte de Portugal e para xerar movemento cultural, turístico e económico en Ourense.
As entradas para OUR FEST 2026, que se celebrará o sábado 19 de setembro en Expourense, continúan dispoñibles en www.ourfest.gal e www.ataquilla.com, cun prezo de 40 euros máis gastos de xestión