Ciencia e misterio no Pazo de Castrelos
A Universidade de Vigo rende homenaxe á escritora Agatha Christie, convertendo un dos seus clásicos de misterio nunha experiencia de teatro e ciencia
Un enigmático crime, un pazo ateigado de sospeitosos e un grupo de astutos investigadores e investigadoras dispostos a seguir todas e cada unha das pistas. Así se viviu durante dous días no Museo Municipal Quiñones de León, convertido no escenario do misterioso asasinato de Ruby Keene, a protagonista da novela Un cadáver en la biblioteca, de Agatha Christie.
No ano no que se cumpre medio século da morte da célebre escritora británica, e coincidindo tamén co centenario da doazón do Pazo de Castrelos á cidade olívica, a Universidade de Vigo propón unha experiencia teatral e científica a partir dun dos seus clásicos de misterio. Baixo o suxerinte título Misterio no pazo, a actividade reuniu 200 estudantes de 1º da ESO de catro centros educativos de Vigo, que se puxeron mans á obra para esclarecer o caso, guiados pola intuición da inesquecible Miss Marple, interpretada pola actriz Mónica Camaño.
A iniciativa, organizada pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo en colaboración coa actriz e directora teatral Cristina Collazo con motivo do Día Mundial do Teatro, transformou o clásico literario nunha experiencia inmersiva na que o público, alén de espectador, foi protagonista da investigación. Divididos en pequenos grupos, os alumnos e alumnas realizaron diferentes probas inspiradas en técnicas reais de investigación forense, avanzando paso a paso na resolución do misterio.
Ciencia en escena
A montaxe combinou diferentes probas científicas coa dramaturxia. Deste xeito, o alumnado do IES Álvaro Cunqueiro, Alexandre Bóveda, Carlos Casares e do CPR Jesuitinas Miralba colaborou activamente cos investigadores da UVigo para reconstruír os feitos e descubrir a persoa ou persoas responsables da morte de Ruby (Adriana Santos), analizando o ADN e as pegadas presentes na escena, estudando a presenza do pole de lirio —a flor preferida de Ruby Keene— na roupa das sospeitosas e sospeitosos e examinando os xeitos de falar e escribir de cada un deles.
Coordinados polos investigadores Celestino Quintela Sabarís, Nerea Cazás Fraga, Paloma Morán Martínez, André Vidal Capón, Víctor Martínez Mariño e Guillermo Blanco González, a cativada tivo a oportunidade de comparar evidencias e elaborar conclusións, experimentando en primeira persoa o proceso científico de formulación de hipóteses e interpretación de resultados.
Ciencia e literatura, unidas polo teatro
Ademais da peza de teatro inmersivo, a actividade completouse cun obradoiro de contextualización da vida e obra de Agatha Christie, na que participaron membros da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ), que forman parte do grupo de investigación TALES (Translation, Accessibility, Literature, and Screen) e do grupo de innovación docente GTICH da Universidade de Vigo. Esta sesión complementaria permitiu que o alumnado afondase na produción literaria de Agatha Christie, nas súas personaxes máis emblemáticas e na influencia da autora de misterio máis lida da historia na literatura contemporánea e no cinema.
A iniciativa forma parte do programa do quinto aniversario do plan Ciencia de Ida e Volta, da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo. A actividade realizouse en colaboración co Museo Municipal Quiñones de León do Concello de Vigo e conta co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) -Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades-.