CONTENIDO PATROCINADO

A Xunta multiplica as axudas para un monte seguro, produtivo e dixitalizado

PEPA LOSADA

Promoven a ordenación e a xestión, pero tamén as especies autóctonas

19 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O 69 % da superficie de Galicia é terreo forestal. Coidalo, ordenalo e facelo fonte de riqueza son, pois, cuestións prioritarias. En setembro do ano pasado aprobouse o Plan Forestal de Galicia 2021-2040, que contempla un investimento de 4.900 millóns de euros nos vindeiros vinte anos, e fixa unha serie de obxectivos estratéxicos. Por exemplo, mellorar a contribución do monte á conservación da natureza, a protección da auga e do solo, favorecer unha xestión activa do monte ou proxectar un modelo de monte que garanta a súa sustentabilidade e potencie o desenvolvemento da cadea de valor, entre outros.

A Consellería de Medio Rural está a desenvolver distintas accións para acadar eses obxectivos, entre elas a aposta por distintas liñas de axudas. Estas son algunhas das principais.

superficies forestais

Máis carballos, menos mimosas. As axudas á creación de superficies forestais con frondosas e coníferas buscan fomentar a incorporación de especies arbóreas en terras non agrícolas, financiando a plantación de especies como piñeiros, carballos, castiñeiros, nogueiras ou faias. Deste xeito, favorécese o aumento da superficie forestal arborizada, pero tamén da diversidade, reducindo o risco de incendios ao poñer en valor os terreos forestais. Estas axudas supuxeron este ano un investimento de 4,5 millóns de euros en arredor de 2.500 hectáreas de monte galego. En concreto, aprobáronse 150 solicitudes, a gran maioría de comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén de agrupacións e de particulares. As accións aprobadas suporán empregar máis de dous millóns e medio de unidades de plantas, polo que tamén beneficiarán ao sector de viveiros galegos.

Ademais, a quinta parte das actuacións aprobadas implican plantar árbores autóctonas en terreos ocupados por especies invasoras como a mimosa, unha especie exótica a pesar de que inza dende hai anos nos montes de Galicia, e perigosa para a diversidade, ao igual que a acacia negra ou a falsa acacia. Tamén en áreas ocupadas por eucaliptos con diámetro normal de menos de 10 centímetros.

ACCIÓNS SILVÍCOLAS

Deixando sen combustible aos incendios. Estas axudas sustentan accións silvícolas de prevención de danos causados aos bosques por incendios e desastres naturais, e tamén de incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. Na convocatoria deste ano tiveron un presuposto de 13,12 millóns de euros para actuar en 7.000 hectáreas.

Que subvencionan? Entre outras cousas, a realización de tratamentos como as rozas, os desbroces, os rareos e as podas para previr incendios, pero tamén a execución deses traballos e de plantacións puntuais de certas árbores para incrementar os valores ecolóxicos de bosques que non teñan carácter produtivo, por exemplo, certas masas de sobreiras ou aciñeiras.

Ademais, incluíronse por vez primeira as rozas en masas de coníferas (sobre todo piñeiros) que inclúan o aproveitamento da resina, e tamén o financiamento de accións silvícolas de prevención de danos causados por fungos en masas de piñeiro do país, piñeiro negral e insigne nas provincias da Coruña e Lugo.

ordenación e xestión

Facilitar o traballo aos propietarios. Existen tamén axudas para elaborar instrumentos de ordenación ou xestión forestal. Cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), contan cun orzamento de algo máis de seis millóns de euros para este ano e o vindeiro. O seu obxectivo é facilitar que os propietarios teñan ferramentas técnicas coas que organizar os seus recursos forestais, garantindo unha xestión sustentable do monte. Subvenciónanse cuestións como a redacción de proxectos de ordenación, documentos simples ou compartidos de xestión ou comunicacións de adhesión, por exemplo, a modelos silvícolas.

Esta liña de axudas contribuíu a que a superficie galega, baixo instrumentos de xestión ou ordenación forestais, medrara un 65 % desde o 2018. Pasou das preto de 233.000 hectáreas a superar as 385.000 o pasado exercicio.

bo goberno

Apoio ás comunidades de montes veciñais. Outra liña de axudas xestionada pola Consellería do Medio Rural é a destinada a impulsar o bo goberno nas comunidades de montes veciñais en man común. Subvencionan catro tipo de actuacións. Por unha banda, as relacionadas co apoio técnico profesionalizado para a xestión forestal, contemplando, por exemplo, sufragar a certificación forestal do monte e actuacións como obter permisos administrativos, redactar proxectos, memorias ou informes, ou tramitar axudas públicas. Unha segunda liña prevé achegas para esbozos, podendo revisarse os que recollen os límites dos montes veciñais. A terceira e a cuarta liña están referidas aos deslindamentos parciais, nun caso para delimitar legalmente e de xeito consensuado os límites entre distintas comunidades de montes, e noutro para facer o mesmo entre comunidades e terreos de particulares.

Máis de 33 millóns

Só a última convocatoria destes catro grupos de axudas supón un investimento de máis de 33 millóns de euros no monte galego. Pero ademais, a Xunta ten aprobados ou en proceso de aprobación máis de 18 millóns de euros en axudas para aumentar no 2022 e 2023 as plantacións e as accións silvícolas en masas de coníferas e de frondosas caducifolias, para primas de mantemento das superficies forestais e para a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal. De cara ao próximo ano tamén se habilitarán novas liñas cun importe de 11 millóns de euros para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais. A ese montante, hai que engadir outros 23 millóns repartidos entre o 2023 e o 2024 para novas plantacións, accións silvícolas de prevención, primas de mantemento e restauración de soutos, entre outras.

Impulsando a industria forestal e da madeira cara ao futuro

O apoio á industria forestal é tamén un eixo prioritario na política de axudas da Consellería do Medio Rural. Galicia xa produce, por exemplo, máis da metade da madeira cortada de España.

uso da madeira

Elemento estrutural na construción. Este ano convocáronse por primeira vez axudas para impulsar a madeira como elemento estrutural na construción. Cun orzamento de 2,6 millóns, buscan avanzar na loita contra o cambio climático, fomentar a xestión forestal sustentable e activa do territorio, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort e saúde a aquelas persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira.

Estas axudas van destinadas a pequenas e medianas empresas, persoas autónomas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, e tamén a persoas físicas para vivendas unifamiliares. Subvenciónanse tanto a redacción de proxectos como a utilización de produtos de madeira en construción nova, rehabilitación ou reforma de edificacións, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

dixitalización

E ecoinnovación. Neste 2022 a Xunta destina 2,5 millóns de euros a apoiar actividades en materia de ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira e doutras industrias que utilicen a resina, a cortiza e os seus derivados, ou outros produtos de orixe forestal. Poden beneficiarse destas subvencións pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas), pero tamén asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.

A liña de ecoinnovación apoia proxectos destinados a ecodeseñar produtos que usen a madeira como materia prima, conseguindo desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ao longo do ciclo de vida. Tamén impulsa solucións de economía circular e a introdución de ferramentas para a análise de aspectos ambientais. A liña de Dixitalización promove cuestións como implantar sistemas de dixitalización, de procesos concretos ou de xestión integral, ou sistemas para o control e mellora dos procesos produtivos, como os de captura de datos, automatización ou supervisión remota, entre outros.