CONTENIDO PATROCINADO

Tras máis de 20 pases e máis de 4.500 espectadores en Santiago, "Recortes, caneos e outras formas de driblar" comezou a súa xira por toda Galicia no FIOT de Carballo, co cartel de entradas esgotadas. Esta nova produción segue o camiño da adaptación teatral de "Fariña", que chegou a máis de 70.000 espectadores

Logo dun mes de funcións, ‘Recortes’ despedíase do Salón Teatro de Santiago cun novo cheo absoluto. Foron catro semanas, 22 funcións e máis de 4.500 espectadores do espectáculo baseado na última investigación de Nacho Carretero sobre o lado máis escuro do fútbol profesional. Logo do éxito obtido con ‘Fariña’, Carretero e Xosé A. Touriñán volven cunha produción que mestura fútbol, música, comedia e xornalismo; 90 minutos nos que a paixón das gradas pasa ás butacas.

Ainé, a produtora de Touriñán, pon en marcha este novo proxecto nun modelo de produción inédito na historia do teatro galego: unha produción conxunta co Centro Dramático Galego na que a iniciativa pública e privada van da man achegando os seus recursos e experiencia. Un modelo que está demostrando o seu acerto co éxito colleitado nestas primeiras funcións.

Estamos diante dunha historia na que, en palabras de Nacho Carretero, o fútbol serve de escusa para falar da vida. O personaxe do seareiro, ese afeccionado que inviste o seu tempo e cartos na ilusión que produce identificarse cun equipo e os seus valores é interpretado por Touriñán. Trátase dun personaxe no que moita xente se verá reflectida ou recoñecerá en el amigos ou familiares. E é que o fútbol está tan arraigado na sociedade que ocupa moitos espazos e tempo, aínda que non esteas interesado, o fútbol está aí. Ese é un dos motores deste espectáculo, pero non o único, xa que intenta dar unha visión ampla do universo futbolístico.

Nunca antes tan ben se explicou a paixón futbolística, é por iso que nestes primeiros compases do partido, o público respondeu como nas grandes ocasións, vibrando cunha obra que contaxia o dinamismo e a emoción dende o inicio. As boas críticas tamén chegaron e nas redes sociais as persoas que se achegaron ás primeiras funcións non deixaron de parabenizar e recomendar a obra, espallando o boca orella, unha das mellores formas de difusión cultural coñecidas. Porén, o éxito de ‘Recortes’ non son só os números ou as valoracións positivas, senón ter atraído novos públicos para desfrutar do teatro, motivación principal dun equipo que leva anos traballando nunha nova forma de creación teatral, perseguindo un entretemento de calidade orientado ao público. Así, chegou este espectáculo que leva o fútbol ás táboas en clave de humor pero tamén cunha ollada crítica que nos fai repensarnos como sociedade.

Aínda así, para desfrutar de ‘Recortes’ non é preciso ser un entendido en fútbol, é un espectáculo que está pensado para o futboleiro, pero tamén para aquelas persoas que desfrutan da comedia ou o teatro. Tito Asorey recoñece que el “non é en absoluto futboleiro” pero aínda así cre que foron capaces de construír un espectáculo dinámico e entretido que conta unha historia sobre a que non hai que ter coñecementos previos, pero na que se es afeccionado ao fútbol recoñecerás moitas situacións e personaxes.

José L. Prieto foi o encargado de adaptar os textos de Nacho Carretero, que formarán parte dun libro que aínda non está publicado. Tito Asorey é o director desta nova aventura teatral que no primeiro mes de funcións acadou preto de 5.000 espectadores. O elenco, capitaneado por Touriñán, conta co Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta. Entre todos, dan vida a multitude de personaxes que conforman o espectáculo futbolístico moderno, no que, moitas veces, o que menos importa é o que pasa co balón no campo.

A obra producida por Ainé e o Centro Dramático Galego estará esta fin de semana no Auditorio Municipal de Ourense e logo continuará de xira ata o mes de febreiro, pasando por Vigo, Narón, Pontevedra, Cangas, Burela, Lugo, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol. O calendario con todas as funcións e a venda de entradas están dispoñibles en www.recortes.gal e na páxina web de Ataquilla.