CONTENIDO PATROCINADO

Nace #galegoempresas, o portal dos negocios que ofrecen produtos e servizos en galego

galegoempresas

O obxecto deste proxecto é contribuír a darlle visibilidade e valor engadido a quen ten a lingua galega en conta para o desenvolvento da súa actividade

24 abr 2019 . Actualizado a las 09:44 h.

Galegoempresas, é unha plataforma web dos concellos de Santiago, Ames e Teo, que pretende facer máis visible a oferta en galego do sector empresarial, para facilitarlle ao público o acceso a ela e tamén para reforzar a presenza dos negocios que a manteñen.

A plataforma permite atopar os establecementos pola súa denominación, a localización xeográfica ou o sector, e de cada negocio inclúe toda a información de contacto, unha descrición, imaxes e a valoración lingüística en porcentaxe de uso e por ámbitos.

Deste xeito, as empresas que inclúen o galego na súa oferta de produtos e servizos verán recompensado o esforzo cunha maior visibilidade e, para a clientela potencial, será un elemento máis que facilita localizar o produto ou servizo do seu interese no contexto compostelán e na lingua da súa elección

Premisas

O proxecto partiu de tres ideas básicas. A primeira é a demanda que existe de servizos en galego e a aceptación maioritaria de que a presenza da nosa lingua se amplíe na comunicación comercial. A segunda é que xa existe unha oferta importante na contorna, con moitos exemplos de establecementos que usan o galego de maneira habitual. E a terceira, a oportunidade que supón, tanto para as empresas como para a propia lingua, vincular e difundir oferta e demanda.

Galegoempresas incide unha vez máis na proposta de que as empresas acheguen a escolla lingüística que fan para os seus usos formais ao que xa practican en moitos casos cando tratan directamente coa clientela para, deste xeito, mellorar a súa eficacia e dotalos de valores positivos.

A utilidade

Galegoempresas contribuirá ao rendemento que as empresas tiran ao uso do galego, grazas ao servizo de información que o directorio presta aos seus potenciais clientes.

 

Por outra banda, a plataforma vai permitir que as administracións, as entidades interesadas ou as propias empresas teñan un maior coñecemento sobre a situación sociolingüística do sector e as accións que se planifiquen en relación con isto sexan máis eficaces.

O contexto

Os concellos promotores da plataforma, Santiago, Ames e Teo teñen realizado campañas e programas dirixidos a impulsar e promover o uso da lingua no sector empresarial en xeral, e nomeadamente nos ámbitos do comercio e da hostalería, que responderon a diversas estratexias: apoio económico ou con recursos, formación e información; incentivación mediante premios, posta en valor dos establecementos galeguizados, difusión pública...

 

Estas iniciativas, concordantes co que sinala o Plan xeral de normalización da lingua, levan contribuído a xerar unha maior presenza do galego na comunicación comercial e empresarial e a que se aprecie unha clara diferenza positiva a respecto doutras zonas urbanas.

A plataforma

O manexo da plataforma é moi intuitivo.  Para as persoas que queiran localizar unha empresa permite facer buscas directas, se coñecemos o seu nome, por sectores e tamén por localización xeográfica nun mapa.

 

Para as empresas, o proceso tamén é sinxelo. Deben cubrir un sinxelo formulario de autodiagnose e, unha vez validado, completar a información pública (logo, datos de contacto, descrición, imaxes, web, redes sociais). A partir dese momento a súa ficha está dispoñible para o público neste novo escaparate.

 

O proceso está explicado nun vídeo, onde algunhas empresa reais resumen a súa experiencia para animaren a empregar o galego nas relacións comerciais. Con este mesmo fin, a páxina facilita algunha argumentación e algúns datos e engade acceso directo a moitos recursos dispoñibles.