CONTENIDO PATROCINADO

Ames, Santiago e Teo organizan o certame de regueifas en vídeo

O proxecto Enreguéifate busca impulsar a improvisación oral en verso e contribuír ao uso da lingua galega para revitalizala

10 abr 2019 . Actualizado a las 11:16 h.

A cultura popular galega é tan rica como as moreas de manxares que podemos degustar na nosa terra. Unha mostra moi significativa desa herdanza popular é a regueifa, un método de improvisación que é unha controversia entre dúas ou máis persoas en verso. Aínda que realmente a denominación de 'regueifa' é unha bola de pan que se facía antigamente adornada con ovo no medio e con máis condimentos. A tradición fixo que pasase de ser un simple bolo de pan a ser regalada en vodas aos convidados. A regueifa debía ser cortada por un dos asistentes ao convite e, para decidir quen debía facelo, realizábase unha loita dialéctica previa.

Hoxe en día, grazas ao seu estudo e recuperación, estas coplas seguen a ser parte importante da cultura galega e poden estar cheas de humor ou ironía, pero a súa forma de improvisación oral en verso está sendo utilizada desde hai tempo como recurso para a normalización da lingua galega.

O potencial da regueifa como recurso para mellorar a competencia lingüística oral é evidente, o que sería xa motivo abondo para impulsala. Porén, esta forma de comunicación demostrou tamén a súa utilidade para mellorar as actitudes lingüísticas e promover comportamentos favorables ao uso do galego, alén de incorporar outros valores como a integración, a solidariedade ou a igualdade.

E así nace Enreguéifate, un proxecto que promoven os concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo co que se procura impulsar a improvisación oral en verso e contribuír a través dela á promoción do uso da lingua galega e sumarse ao movemento de revitalización que desde hai anos se está producindo no ámbito escolar e asociativo.

O proxecto inclúe formación para centros de ensino, un certame de regueifas e diversas accións de difusión desta forma de improvisación oral en verso.

Obradoiros de formación

Por unha banda, houbo formación para o profesorado dos centros de ensino, que tivo o seu punto de partida en febreiro de 2018 no Fórum Carballo, no que participaron unhas 70 persoas, tanto docentes coma non docentes. Aquel día, diversas persoas con experiencia na educación -Alba María, Antonio de Xornes, Lupe Blanco, Manolo Maseda, Sara Marchena e Séchu Sende- interviñeron para abeirar a regueifa en relación coa educación, coa lingua, coa igualdade ou coa transformación social.

Agora é a quenda do alumnado, que grazas a este proxecto terá a oportunidade de profundizar na improvisación oral a través da regueifa.  Con ela téntase ademais visualizar a rede de revitalización do repente en Galicia, así como promover a participación no certame Enreguéifate.

Centros participantes

A divulgación do proxecto abrangue distintos centros dos Concellos de Santiago -IES Antonio Fraguas, CEIP das Fontiñas, CPR Vilas Alborada, CEIP Lamas de Abade, IES Eduardo Pondal e IES da Pontepedriña-, Ames -IES do Milladoiro e IES de Bertamiráns- e Teo -CEIP dos Tilos, CEIP da Ramallosa e CEIP de Calo-. 

Inscricións

Anímaste a participar no certame de regueifas? A inscrición é aberta e hai dúas categorías nas que participar: xeral e escolar. A lingua empregada debe ser o galego, a temática é libre, en cada vídeo deben aparecer cando menos dúas persoas e a duración máxima é de tres minutos.

Todos aqueles interesados en participar en Enreguéifate poden facelo enviando o seu vídeo ata o 10 de xuño no formulario de inscrición da páxina web

Buscas inspiración? Bótalle un ollo aos vídeos participantes de anos anteriores e consulta os gañadores da Edición 2017 ou da Edición 2018.