A ciencia protagoniza as actividades da Biblioteca de Galicia e da Ánxel Casal durante novembro
CIENCIA
Haberá sesións de contacontos, obradoiros e observación das estrelas, ademais de exposicións
01 nov 2024 . Actualizado a las 04:55 h.Exposicións, obradoiros, observación de estrelas e contacontos forman parte da programación que desenvolverán a Biblioteca de Galicia e a Ánxel Casal para conmemorar o Mes da Ciencia.
No caso do servizo situado en Xoán XXIII as propostas comezarán coa mostra bibliográfica «Escoitar a ciencia: acadar Información, entender problemas, construír opinión». O vindeiro luns, pola súa parte, abrirá a exposición «Le monde sans fin», en colaboración coa Alliance Française. Este proxecto está baseado na novela homónima de Jancovici e Blain e ofrece unha reflexión chea de humor sobre as causas e as consecuencias do cambio climático.
O día 6 desenvolverase un obradoiro de experimentos para rapazada de entre sete e doce anos. Un día despois a astronomía chegará da man do Observatorio Astronómico Ramón María Aller. Primeiro, haberá un obradoiro infantil dirixido á rapazada de sete a doce anos. Despois, ás 20 horas, seguiralle a observación do ceo nocturno cun telescopio. O día 9 está previsto un obradoiro de ciencia en familia. O día 13 cativada de seis a doce anos poderá experimentar coa luz. O día 16 chegará unha sesión de divulgación científica da man de Fatiropina.
Pola súa banda, a Biblioteca de Galicia organiza o Mes da Ciencia para aprender divertíndose con varios obradoiros. O primeiro deles será o día 9 e os participantes poderán coñecer a realidade a través dun microscopio. O día 16 o foco estará no Seminario de Estudos Galegos (SEG). Xa o 23 terá lugar un obradoiro de paleografía para descifrar escrituras antigas. O peche será o día 30 cunha sesión de contacontos e obradoiros de cerámica. A inscrición está aberta a través da páxina web da Cidade da Cultura.
Contacontos e recital
Máis alá das actividades relativas ao Mes da Ciencia, a biblioteca Ánxel Casal organizará outras actividades, entre as que destacan os contacontos. Mañá sábado lembrarán o aniversario do nacemento de Xosé Neira Vilas con «O espantallo amigo» a cargo de Servando Barreiro. O día 8, pola súa parte, haberá un espectáculo a cargo de Tropa de Trapo.
Por outra banda, o día 15, Lúa Mosquetera ofrecerá un recital poético acompañada pola música de Pablo Seijas.