Rosa Crujeiras: «Son unha matemática vocacional que quere saber o por que das cousas»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

CIENCIA

Sandra Alonso

A directora científica do Citmaga di que a USC debe defender o seu posicionamento como axente de progreso

17 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

É un fervello que non para de falar e que contaxia entusiasmo e coraxe. Rosa Crujeiras Casais (Ribeira,1978) é profesora titular de Estatística na Facultade de Matemáticas e directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (Citmaga), unha entidade que agrupa as tres universidades galegas coa misión de desenvolver a investigación matemática de excelencia e transferir coñecemento ao tecido produtivo e a outras áreas de coñecemento. Hai liñas de traballo con outros centros de investigación do ámbito da biomedicina, a química e as tecnoloxías da información, entre outros.

«Temos un convenio coa Fundación Catedral para deseñar un modelo de ventilación da basílica. Son modelos de dinámica de fluídos nos que temos moita experiencia. Son as matemáticas contribuíndo ao mantemento do patrimonio cultural», apresúrase a dicir a profesora Crujeiras, que igualmente cita outra colaboración co proxecto Smartiago, relacionado coa mobilidade intelixente.

O Citmaga lanzará en maio Dictiomaga, un dicionario de matemáticas. «A través das redes sociais do centro, neste caso Twitter e YouTube, presentaremos vídeos curtos onde explicamos conceptos cotiás das matemáticas. E máis adiante consultaremos directamente á cidadanía sobre que quere de que lle falemos. Temos unha xente moi implicada con este proxecto», tal como explica a titular do centro. A lexislación actual e as políticas europeas prescriben que se impulse a ciencia cidadá, que consiste en implicar á cidadanía nos procesos de xeración de coñecemento, segundo engade.

Inquirida sobre se as matemáticas moven o mundo, Rosa Crujeiras responde que «non soas, pero empurran moito», advirte. «A xente non se decata de que as matemáticas, sen seren protagonistas, están en todos os ámbitos tecnolóxicos: medicina, mobilidade, medio ambiente, comunicacións, ciencias sociais… No Citmaga tamén colaboramos co Instituto da Lingua Galega. Eu mesma dou clase de lexicografía en Filoloxía. Hai estatística cada vez que hai datos», conclúe Crujeiras.

A profesora é da opinión de que a asignatura en Secundaria xa non é tan temida como antaño: «Agora hai máis contacto co ensino superior e as mates de hoxe son moito máis abertas». Cando ela iniciou a carreira na facultade pensaba que, de feito, sería profesora de medias, pero descubriu que lle gustaba a investigación. «A min gustábame todo, gustábame aprender. Marcoume un profesor que tiven de nena na miña aldea de Artes, Francisco Sóñora. E conste que a profesora de Lingua e Literatura Españolas de 2º de BUP fíxome dubidar, pero acabei convertida nunha matemática vocacional», engade a investigadora que di estar «movida pola curiosidade e por entender o por que das cousas».

Sobre o futuro da USC, Crujeiras exprésase co convencemento de que o gran reto é defender o seu posicionamento como axente fundamental do progreso económico, social e cultural: «Temos as capacidades para poñer o noso coñecemento ao servizo de Galicia».

Rosa, que fai xogos malabares para conciliar, ten dous nenos pequenos e ri cando di que fai moitas croquetas. «Vou a clase de viola co meu fillo maior, Teo. Axúdame ver como aprende meu fillo; e algunha cousiña xa toco, eu que non sabía nada de música. Os nenos requiren tempo de calidade», advirte a profesora de Estatística na Facultade de Matemáticas de Santiago.