Científicos achan en Galicia gaitas que se mantiveron en uso dende a Idade Media

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CIENCIA

Carpintero ten impulsado proxectos como a reprodución das gaitas que aparecen nas Cantigas de Santa María.
Carpintero ten impulsado proxectos como a reprodución das gaitas que aparecen nas Cantigas de Santa María.

O investigador Pablo Carpintero sitúa o instrumento que pertencera a Xan Tilve, gaiteiro de Campañó, como o máis antigo do mundo ao datalo no século XV

21 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Vai para 30 anos que leva o investigador, músico e artesán Pablo Carpintero percorrendo o noroeste peninsular na procura de gaitas de fol antigas. Documentou máis de 380, algunhas moi antigas, aínda que só sabía o que lle trasladaban os propietarios, que non databan a orixe «máis atrás de inicios do século XIX». Partindo de que o roce dos dedos ao tocar provoca un deterioro na madeira, proporcional ao tempo de uso, comezou a traballar («seis anos de experimentos científicos») nun xeito de avaliar a antigüidade medindo os desgastes en 144 punteiros. O resultado deste proceso, que se insire na tese que leva a cabo na Universidade de Vigo baixo a dirección dos profesores Susana Reboreda e Iván Area, é un método matemático que permitiu coñecer a existencia en Galicia e Portugal de gaitas en uso desde o século XV.

A máis antiga do mundo

Algún destes instrumentos soarán de novo este venres na actividade que Carpintero promove no Museo de Pontevedra e na que presenta algúns dos seus achados. Explicará este modelo e abordará as datacións realizadas co método do carbono 14 a diferentes gaitas que corroboraron a precisión do método. «A máis sorprendente —relata— foi a do punteiro da gaita que pertencera a Xan Tilve, gaiteiro de Campañó, para a que o modelo calcula unha idade mínima de 490 anos, mentres o carbono 14 asigna á madeira entre 550 e 600, converténdose así na gaita máis antiga do mundo ata hoxe». Tamén soará no Museo de Pontevedra.