Quen foron as nosas pioneiras de ciencias?

CIENCIA

A investigadora Tarsy Carballas é unha das pioneiras que atopamos no libro «Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros», de Xoana Pintos
A investigadora Tarsy Carballas é unha das pioneiras que atopamos no libro «Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros», de Xoana Pintos FUGAS

A bióloga Xoana Pintos pon nome e apelidos ás primeiras científicas da Universidade de Santiago en «Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros», un título que é unha imaxe da liberdade

14 jun 2021 . Actualizado a las 22:44 h.

A pregunta é xa unha declaración de guerra ao esquecemento: Quen foron as nosas primeiras científicas? A resposta é longa se se rescatan todos os nomes e apelidos das mulleres que puxeron o primeiro pé nas aulas de ciencia da Universidade de Santiago, nun momento no que o ideal feminino era ser esposa e nai; e ter «chave, bicicleta e catro libros» privilexio natural dos homes. Nun rigoroso camiño ensaístico con petiscos de novela (a historia machista dá, sobre todo no contexto da guerra e o franquismo, para un noir de círculo pechado), esperta a memoria a doutora en Bioloxía Xoana Pintos nun libro de historias reais «que non saen en portada», que subliña as dificultades que atoparon as pioneiras que aínda «terman de nós». Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros (cita textual dunha das adiantadas recollida no libro) cobre as lagoas no coñecemento das galegas pioneiras de Medicina, Ciencias e Farmacia. «Case todas elas foron devoradas pola escuridade, por unha única e inxusta ollada», alumea Pintos, que revela na descuberta como favorecía ter un status, ou o feito de ser «orfa de guerra», o acceso á educación nos 20, como foi a recepción das primeiras mulleres nas facultades (as primeiras que entraron en Medicina tiñan que ser tuteladas!), a fazaña das irmás Fernández de la Vega, quen comezaron na investigación a carón do ilustre Nóvoa Santos, que nun histórico alarde machista escribiu: «La pobreza mental de la hembra debe mirarse no sólo como un hecho real, sino como un hecho necesario» en La indigencia espiritual del sexo femenino. A ollada non pode prescindir do contexto, pero hai que remexer os caixóns para saber ben como son as cousas.

A memoria histórica ten a súa propia lei, limpa de intereses políticos, na pescuda da letra, amosa Pintos neste sorbo de liberdade que revela que facultades eran máis receosas da igualdade nos primeiros 60 anos do XX e cales máis abertas.

María Piñeiro Estrella foi a primeira muller rexistrada no Colexio Médico da Coruña, Olimpia Valencia, unha das primeiras profesionais destacadas en xinecoloxía e estableceu unha clínica en Vigo no 28 con esta placa na porta: «Olimpia Valencia, especialista en enfermidades da muller», Paz Parada foi a única muller entre os estudantes de Medicina en Santiago dos primeiros anos vinte, e a primeira muller inscrita no Colexio Provincial de Médicos de Ourense. Irene Álvarez Veras, Pilar Charro, a «boticaria da liberdade» María del Portal, Concepción Rof Carballo, María Coro Clavero («a súa azarosa vida cremos que ben daría para unha novela», advirte Pintos) ou as ben coñecidas e motivo de orgullo Ángeles Alvariño e Tarsy Carballas son só algunhas das nosas primeiras médicas, biólogas, dentistas, astrónomas, farmacéuticas..., pioneiras que se ocupa de revelar Xoana Pintos, mulleres que nos tempos escuros foron quen de abrirnos a porta da ciencia e outras na vida, para que hoxe nós teñamos a chave, a bicicleta e os libros sen pelexar nin ter que andar ás agochadas.