Por que faltan mulleres na ciencia e na tecnoloxía

Julia Carballo, Alma Gómez e Nieves Lorenzo OURENSE

CIENCIA

P. V.

Só un 7 % de mozas elixen estudos relacionados con profesións técnicas

18 feb 2020 . Actualizado a las 20:10 h.

De acordo aos datos da OCDE, en España, só un 7 % de mozas elixen estudos relacionados con profesións técnicas. Así, aínda que o alumnado feminino obtén máis do 50 % dos títulos universitarios, a súa presenza en carreiras como Física ou Enxeñaría apenas chega ao 30 %; nalgunhas, coma no caso de Enxeñería Informática, rolda o 15 %. Isto significa que nestes campos estase a perder a creatividade, a innovación e o talento do 50 % da poboación, a metade feminina.

Diversos estudos demostran que en pleno século XXI os roles sexistas xa están establecidos entre os nenos e nenas a idades tan temperás como os cinco ou seis anos. Ás nenas ensínaselles desde pequenas que as profesoras son esenciais, as enfermeiras, imprescindibles, e as actrices e modelos son guapas e famosas. Isto provoca unha falta de atracción cara a carreiras STEM (Science Technology Engineering and Mathematics) por parte do alumnado feminino, o que se atribúe á ausencia de referentes femininos.

As mulleres case non aparecen na maioría do material educativo. Ao longo da historia os avances e os traballos das mulleres científicas non foron recoñecidos ou quedaron relegados a un segundo plano revelando así unha falsa escaseza de modelos femininos a imitar. Por outra parte, todo parece indicar que a influencia socio-educativa provoca que as nenas perdan interese polas materias STEM a medida que crecen, particularmente no período entre os primeiros anos da adolescencia e o final da mesma.

Esta situación provocou que nos últimos anos xurdisen diferentes propostas e ideas que tratan de desterrar os roles sexistas que afastan ao alumnado feminino das carreiras STEM. En 2015 as Nacións Unidas proclamaron o 11 de febreiro como Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, co obxectivo de pór fin aos prexuízos sexistas nas disciplinas STEM. Dentro destas iniciativas en España xurdiu en 2016 a Iniciativa 11 de febreiro (https://11defebrero.org/) que promove a realización de actividades que dean visibilidade á muller científica e impulsen o interese das nenas pola ciencia e a tecnoloxía. Estas actividades son organizadas pola comunidade científica e educativa, as institucións e a sociedade en xeral.

Inspiradas por este movemento, as mulleres docentes e investigadoras dos centros de Ciencias e Enxeñerías do Campus de Ourense da Universidade de Vigo (apoiadas polas direccións dos centros e a Vicerreitoría do Campus) levamos a cabo dende febreiro de 2018 unha feira anual de ciencias, baixo a lema eXXperimenta en feminino, para dar a coñecer ao alumnado de secundaria e bacharelato o traballo realizado polas científicas, tecnólogas e enxeñeiras. Con esta experiencia preténdese visualizar a existencia de moitas mulleres en carreiras do ámbito STEM, dando así referentes femininos ao alumnado. Esta feira, que acaba de celebrar a súa terceira edición (edición que recibiu financiación da FECYT) consiste na realización de experimentos e actividades relacionadas cos traballos de investigación STEM do noso campus. Nestas tres edicións de eXXperimenta en feminino case 200 investigadoras foron quen de mostrar o seu traballo a mais de 900 escolares de ESO e Bacharelato da provincia de Ourense. Desta maneira puideron comprobar de primeira man a existencia de investigadoras sénior nestes campos, así como de xoves científicas que son modelo para as novas xeracións de mulleres interesadas nas STEM.

Julia Carballo, Alma Gómez e Nieves Lorenzo son, respectivamente, doutoras da Facultades de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñería Informática e da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo