Muller e ciencia día a día

Jesús Garrido

CIENCIA

A astronauta Christina Koch prepárase para saír da estación espacial ao baleiro do espazo
A astronauta Christina Koch prepárase para saír da estación espacial ao baleiro do espazo NASA

Unha referencia significativa da importancia dunha noticia podemos atopala sempre no reflexo que ten nos xornais. Pero este indicativo adquire un valor singular nas edicións dixitais, que non só reflicten un día o eco da noticia, senón que durante varios días, dun modo ou outro, volve repetirse con maior ou menor insistencia. Un exemplo claro témolo na reprodución deste tema da muller e a ciencia, que ocupa repetidos e abundantes espazos, como merece. Unha chamada, xa que logo, en honra da súa importancia.

05 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

1. «Os fármacos deseñáronse só para homes sen pensar nas mulleres»

Guadalupe Sabio defende a necesidade de investigar con perspectiva de sexo para salvar a moitas mulleres. O feito de que historicamente a enfermidade só se estudara en homes fai que a comunidade científica e os médicos coñezan os síntomas só do home, non os da muller (La Voz, 10/1/2020).

2. «A astronauta Koch bate a marca dunha muller no espazo: 289 días»

A astronauta estadounidense da NASA Christina Koch converteuse este sábado na muller que máis tempo estivo no espazo, 289 días consecutivos, e estableceu así unha nova marca histórica. Koch, de 40 anos, chegou á estación espacial internacional (EEI) o pasado 14 de marzo, polo que este sábado superou a marca establecida pola súa compatriota Peggy Whitson, quen estivo 288 días consecutivos en órbita, segundo Efe (La Voz, 20/12/2019).

3. «Raúl Romar, de La Voz, e Marisol Soengas, entre os premiados polos científicos»

O químico Jesús Mosquera recibiu o premio Ángeles Alvariño á mellor traxectoria profesional, concedido polos Museos Científicos da Coruña; Alba Trueba, o outorgado por Hijos de Rivera ao traballo con maior impacto social, e María Vieites, o ofrecido por AMIT-Gal á mellor traxectoria profesional dunha científica menor de 30 anos. Marisol Soengas, xefa do grupo de Melanoma do CNIO, recibiu unha mención especial «polo seu labor e compromiso para visibilizar o traballo das mulleres científicas» (La Voz, 28/12/2019).

4. «En España aínda se ten que aprender a valorar a investigación»

A bióloga Paula Río Galdo (Ferrol, 1974) leva vinte anos traballando no desenvolvemento dunha nova e revolucionaria terapia xénica que abriu unha porta de esperanza aos enfermos que padecen anemia de Fanconi, un mal que en España afecta só a duascentas persoas. Estes doentes presentan un fallo nos seus xenes e o equipo de científicos ao que pertence Paula Río —liderado polo doutor Juan Bueren en tres centros de investigación— enxeñou un método para desenvolver un remedio que consiste en extraer as células nai do sangue dos propios afectados no hospital, para logo... (19/1/2020).

5. «Premios e reflexións sobre a investigación oncolóxica»

O presidente provincial da Asociación Española contra el Cáncer (AECC), Manuel Aguilar, entregou onte na Coruña dúas bolsas predoutorais de 60.000 euros cada unha a dúas novas biólogas: Kelly Conde Pérez e Jenifer Brea Iglesias, nunha das xornadas do ciclo de charlas Con nome de muller: ciencia a pé de rúa (La Voz, 17/1/2020).

6. «O papel da muller científica debátese en Lugo».

Lugo será este mércores punto de encontro para mulleres científicas de toda España. Ao amparo do CorBi Summit 2019 celebrarase no Vello Cárcere un encontro de científicas que parte de dúas premisas: a necesidade de conseguir motivar vocacións arredor do mundo da ciencia e a de reter o talento. As participantes, co seu exemplo, demostrarán que as mulleres están sobradamente preparadas para dedicarse ás materias de orde científica e poderán servir de referente para outras novas (La Voz, 9/12/2019).

7. «A Universidade de Vigo hackea o patriarcado»

A Escola de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo acollerá o 12 de decembro un taller da Cátedra Feminismos 4.0, promovida pola Deputación de Pontevedra, para analizar o «machismo dixital». Trátase dunha xornada que levará por título Hackeando o patriarcado e que servirá para analizar por que a representación das mulleres nos ámbitos STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) só alcanza o 25 % (La Voz, 4/12/2019).

8. «Ágnes Mócsy: “A discriminación da muller en ciencia chega ata o tamaño dos despachos”»

Ágnes Mócsy é profesora visitante na Universidade de Yale e catedrática no Instituto Pratt, de Nova York. Tamén ten unha colección de zapatos que fotografou nun libro e realizou un documental, Smashing Matters. Esta física teórica defende a interacción de arte e ciencia, a necesidade de divulgar a física e a urxencia de romper cos prexuízos que sofren non só as mulleres nestes ámbitos, senón tamén outras minorías. Visita Santiago co gallo da semana da ciencia que organiza o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (27/11/2019).

ACTIVIDADES

Para o Día da Muller e a Nena na Ciencia

A revista «Investigación y Ciencia» informa sobre conferencias, exposicións e cursos para este mes, ofrecendo por correo electrónico boletíns sobre diversas materias: astronomía, física, matemáticas, bioloxía, medicina… E describe, a modo de axenda, as actividades xerais presenciais organizadas para celebrar o Día da Muller e a Nena na Ciencia na web:

  • https://11defebrero.org
  • Contacto: contacto@investigacionyciencia.es (93 414 33 44)