Marilar Aleixandre: «Ciencias e tecnoloxía, no sistema educativo español, están marxinadas»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CIENCIA

PACO RODRÍGUEZ

«Se alguén non sabe quen é Rosalía é case analfabeta, pero a xente en Galicia non coñece máis de tres tipos de árbores»

30 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta fin de semana, Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) viaxa a Baltimore para recoller o premio á contribución sobranceira á investigación, o máis importante en didáctica das ciencias, que non gañara ningún español e que recoñece unha longuísima e fecunda traxectoria. O artigo máis citado de educación de autoría española está asinado por ela e por Ánxela Bugallo: Doing the lesson or doing science: Arguments in high school genetics.

-Que é mellor?

-Doing the lesson é facer que estudo: danme unha tarefa, eu póñome aquí e sigo os pasos. Iso non é efectivo para a aprendizaxe, porque se no laboratorio a persoa que dá a clase dá unhas instrucións que son como unha receita de cociña, despois o alumnado realmente non aprende o que nos parece interesante. O oposto disto é doing science, facer ciencias, que é implicarse. Isto non significa exclusivamente cacharrear, senón tamén entrar nos procesos mentais, no pensamento científico e no discurso científico.

-No sistema educativo, hai máis «doing the lesson»?

-Creo que en Galicia e en España sempre houbo unha minoría significativa de persoas que traballaban de modo que o alumnado non fixera ningunha afirmación sen probas. E a ser posible traballar por proxectos de longa duración.

-Agora estase impulsado o ensino STEM.

-Hai moitos anos que a investigación educativa di que non só hai que aprender conceptos científicos, tamén formas de traballar. Estou case por chamarlle delito a que unha persoa dea clase de ciencias e que non leve o alumnado ao laboratorio.

-Pero hai xeracións enteiras que non pasaron nunca por un.

-E é terrible. Creo que 25-35 alumnos son números que permiten facer moitísimas cousas. E dende logo hai xente que fai cousas marabillosas.

-A minoría significativa.

-Claro. Como a Axencia Espacial Nosa. Os proxectos na escola tenden a ser interdisciplinares e na investigación científica cada vez máis. Ademais, exemplifica unha idea importante. As prácticas son algo que se fai: tomar datos e interpretar datos, crear e revisar modelos, relacionar probas e enunciados científicos. O proxecto no que estamos pretende desenvolver a forma de traballar do alumnado con toda esta serie de pseudociencias e noticias falsas.

-O pensamento científico crea sociedades máis críticas?

-Exacto. A idea de que os alumnos deben tomar parte nas prácticas científicas xa vén de metade do século XX. Por que custa? Os movementos sociais son lentos. É moi difícil ir contra unha idea establecida de que en clase de ciencias hai que darlle todo, toda a enciclopedia. Iso é imposible hoxe en día, coa velocidade á que avanza o coñecemento.

-Pero estamos empeñados en ter todo compartimentado.

-Ciencia e tecnoloxía, no sistema educativo español, están marxinadas. Hai moitas menos horas e menos opcións. Creouse a idea de que a Filosofía é o único que ensina e que está marxinada. En procesos interdisciplinares as ciencias ensinan a pensar, ou poden ensinar. Isto é tremendo, pero é que unha persoa, antes de rematar a ESO, pode decidir nunca máis ver ciencias. Unha persoa que colle o bacharelato ciencias ten que facer unha parte moi considerable das horas que ten humanidades. Unha persoa que escolle letras, non ten que facer nada de ciencias. Estamos en que a formación científica en xeral do público é moito peor que a súa formación en humanidades. Se alguén non sabe quen é Rosalía de Castro ou Cervantes, esa persoa é pouco menos que analfabeta. Pero a xente de Galicia non coñece máis alá de tres tipos de árbores.

«Cando entrei na facultade, facíase un cocido ao que só ían os homes»

Traballar por proxectos fomenta a mestura de disciplinas.

-As ciencias son cultura, por descontado. Creo que o enfoque actual da cultura é amplo, comprende o patrimonio natural, o arqueolóxico, a lingua, a microtoponimia, a música de cámara e as pandereiteiras, a literatura, e tamén o coñecemento sobre as plantas, os animais, os ecosistemas. Saber ciencias permítenos dicir que os toxos son fermosos e que teñen un papel na fixación do nitróxeno, facendo as terras máis fértiles.

-A ciencia é cultura. A lingua é científica?

-No decreto do trilingüismo trátase o galego como se fose unha lingua estranxeira, A bioloxía pódese dar en galego pero a física e a química non. Isto non pode ocorrer. A Lei de Normalización parte da situación na que o galego, en desvantaxe, debe ser apoiado para que avance. É como a historia das mulleres na ciencia. Está claro que as mulleres teñen sido discriminadas na historia, e na ciencia e na educación é evidente. O que hai que facer é considerar os méritos en igualdade.

-Non se consideran?

-Ata agora non se consideraron, porque sabemos que o funcionamento da investigación, e pasa en todo o mundo, ten unha parte de relacións informais. O extremo pode ser Rosalind Franklin, que tomaba o té no cuarto das escobas. Isto é literal. Cando eu entrei nesta facultade, facíase un cocido no entroido ao que só ían os homes.

-Nos 90.

-E varios anos despois. A condición primeira é que as mulleres teñan claro que poden facer ciencia. Sempre digo que cheguei a este premio internacional porque dende adolescente son feminista e teño a idea de que as mulleres poden facer todo o que se propoñan. As mulleres teñen que pensar que poden facer todo iso e logo a sociedade ten que deixar que o fagan, pero de momento...