Carlos Salgado: «Galicia ten todos os ingredientes para facer ciencia de referencia mundial»

Raúl Romar García
R. Romar REDACCIÓN / LA VOZ

CIENCIA

PACO RODRÍGUEZ

O físico monfortino, director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (USC), recibirá 2,5 millóns do elitista programa europeo Advanced Grant para estudar cómo se formou a materia

29 mar 2019 . Actualizado a las 11:44 h.

Pense nun dedo, nunha mesa, nun frigorífico ou en calquera obxecto animado ou inanimado que se atope ao seu redor. E agora imaxínese que se puidese fundir a unha temperatura 100.000 veces superior á que existe no interior do Sol. Obteríase unha especie de sopa, un plasma líquido formado por quarks e gluóns, que constitúen o material primixenio que se formou no universo un microinstante despois do big bang. Esta simulación é hoxe imposible, pero si se pode recrear mediante o choque de núcleos de chumbo que se realiza no Gran Colisionador de Hadróns de Xenebra (LHC). É o que permitiu coñecer varias das propiedades deste plasma do que vén todo o que vemos. Pero queda pendente unha grande interrogante: cómo se formou. É a pregunta á que intentará responder o físico galego Carlos Salgado (Monforte, 1971), director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC, grazas a unha axuda do elitista programa Advanced Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), destinado a financiar proxectos na fronteira do coñecemento que permitan rachar coas barreiras da ciencia, e dirixido a investigadores excelentes. Recibirá 2,5 millóns de euros para desenvolver a súa idea.

-A vostede xa lle deran unha bolsa Starting Grant do ERC, e agora redobra a aposta. Segue na liña do proxecto inicial?

-O dominio é o mesmo, pero o proxecto é bastante diferente. É moito máis arriscado que o primeiro. E así mo destacaron tamén nas avaliacións. Ten máis risco, co cal é máis fácil que poida fallar, porque o que propoño facer ninguén o propuxo antes e, dentro da nosa comunidade, é algo que non estaba considerado como unha posibilidade.

-Antes centráronse en medir as propiedades da sopa inicial que deu lugar a materia. E agora queren saber cómo se formou.

-Decatámonos de que hai cousas moi interesantes que aprender. Non só coñecer as propiedades deste material, senón entender cómo se chega a formar, porque supón un cambio do estado da materia. En termos científicos isto é a dinámica fóra do equilibrio, e nisto entra tamén a mecánica cuántica.

-E para iso volverán colisionar núcleos de chumbo no LHC?

-Un sistema en colisión está fóra do equilibrio, pero a natureza tende a facer evolucionar as cousas cara a un equilibrio. A cuestión é que nestas colisións producimos este material novo, que está en equilibrio termodinámico. Os procesos físicos que levan a este equilibrio non se coñecen, pero prodúcense en unidades de tempo pequenísimas, en ioctosegundos, a unidade máis pequena do tempo. O proxecto quere estudar o que ocorre nos primeiros ioctosegundos -a luz tarda tres ioctosegundos en atravesar un protón-, e o que estamos vendo é que estes procesos ocorren entre tres e cinco ioctosegundos despois da colisión de partículas.

-E cal é a súa achega para acadar o obxectivo?

-Introducimos unha maneira nova de medir eses primeiros ioctosegundos. Sabemos o que se produce nese tempo, a nova materia, pero o que non sabemos é o que pasa nese tempo para que se produza. O que queremos facer entón é medilo, porque para saber cómo se produce temos que medilo.

-O Advanced Grant que acadou vén despois do recoñecemento do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías que dirixe como unidade de excelencia a nivel nacional. É este o camiño a seguir?

-Creo que está claro que ter unhas unidades onde se concentra a excelencia é importante, porque é de onde van saír proxectos coma este. O modelo do noso instituto recolle que tes que ter avaliacións periódicas dun comité científico internacional. Nós tivémolo aquí hai tres semanas, con científicos de primeiro nivel, e quedaron completamente alucinados do nivel que temos aquí, sobre todo tendo en conta tamén as nosas limitacións a nivel de infraestrutura e de financiamento. E temos que ir por aí. E hai outros exemplos en Galicia que indican que esta é a maneira de que temos que ir para arriba.

-O futuro pasa entón por apostar por este tipo de centros?

-É unha das claves, e é bo para todos porque tira de todo o sistema científico galego. Pero hai que apostar por unha estratexia completa de captación e retención de investigadores financiados polo ERC. Temos o programa Oportunius, que é unha pata, pero ten que haber unha estratexia completa por parte da Xunta e das universidades.

-Casos coma o seu indican que en Galicia tamén se pode facer investigación de referencia a nivel mundial?

-Evidentemente creo que si, e esta é a proba. Aquí temos todos os ingredientes para facer ciencia de primeiro nivel mundial, pero está claro que hai que potenciar isto moitísimo máis.

-Si, pero, por contra, só hai, con vostede, dous Advanced Grant que traballen en Galicia.

-Debiamos preguntarnos por que non hai máis e, sobre todo, polas razóns de que non haxa máis e qué se debería facer para aumentar o número. Unha das cousas fundamentais é ter centros de referencia internacional, onde os investigadores poidan crecer e poidamos atraer aos mellores. Para iso precísase unha estratexia conxunta da Xunta e das universidades.