«O sistema peca de procedemento, sobran contidos e temos a culpa todos»

Mila Méndez Otero
mila méndez A CORUÑA / LA VOZ

CIENCIA

Marcos Míguez

Non é unha mestra máis. Aposta pola innovación na educación e dirixe un club de ciencia co que busca namorar

14 sep 2018 . Actualizado a las 16:25 h.

A xefa do departamento de Bioloxía e Xeoloxía no IES Rafael Dieste é tamén a coordinadora da docencia e das actividades da área de Ciencias Naturais no centro. Uns días antes de que comece o curso en secundaria, o vindeiro luns día 17, Marisa Castiñeira ultima os ingredientes cos que captar alumnos para o seu club de ciencia. Divulga contidos e adáptaos ás linguaxes que mellor entenden os máis novos: dende as redes sociais ós vídeos ou os podcast. O obxectivo é transmitir a cultura científica e, se se pode, espertar novos talentos.

-Que fan nestes días previos os profesores?

-Preparar as clases do novo curso co resto do equipo docente e, no meu caso, ver como podo seducir aos alumnos para que se apunten ao club de ciencia que imos dar polas tardes.

-En que consiste iso de seducir?

-Os profesores tamén nos temos que publicitar. Vender a materia para seducir aos alumnos. «A culpa é de quen non namora», di un compañeiro meu. Se quero que veñan ao club de ciencia polas tardes teño que pórllo bonito. Se comezo dicindo que isto require vir fóra do horario e facer traballos a maiores non conseguirei ilusionalos.

-Están menos motivados os alumnos?

-Dicir iso é un tópico. Lévoo escoitándoo toda a vida. Están motivados ao seu xeito, como pasa en tódalas xeracións.

-As ciencias asustan?

-Si, iso si que non é un mito.

-Por que?

-Requiren un esforzo, comprender, non só memorizar.

-Non me diga que aos estudantes lles gusta chapar?

-Prefiren o cómodo. A maioría quere ir polo libro. Que lles poñas unha batería de 20 preguntas con 20 respostas e memorizalas. Iso é máis fácil, crear é máis complexo.

-Que cambiaría se puidese?

-O sistema educativo é demasiado mecánico. En cambio, fallamos en compresión lectora. Hai que saber ler e interpretar. O sistema peca de procedemento e sobran contidos, hai que recortalos. Sempre pensamos que a nosa materia é a máis importante. Aquí temos a culpa todos.

-As aulas están saturadas?

-A ratio alumno-profesor é moi alta. Con 20 alumnos podo ter unha conversación, con 40 é un trato máis militar. Ademais, a carga horaria comeza a ser demasiado elevada para nós.

-Hai quen di que tedes moitas vacacións?

-É que para nada son tres meses. En xullo asistín a tres seminarios para formarme e todo isto: preparar o laboratorio, os experimentos do club de ciencia, as clases con vídeos de YouTube... fágoo fóra de horario. E así, o resto dos mestres.

-Por que se segue a formar?

-Diría que é para dar mellor a clase. Pero non é toda a verdade. É porque me gusta aprender.

«YouTube e Instagram poden ser unha boa ferramenta para ensinar»

Marisa non se obsesiona cos informes PISA. É consciente de que vivimos nun mundo cambiante. «Os alumnos teñen que ser moi activos para adaptarse a el», asegura. Antes mestra en Baio, «onde aprendín o oficio», non para de asistir a cursos, conferencias e seminarios. «Facémolo moitos profesores, malia a imaxe que se ten de nós ás veces». Tuitea, postea e edita vídeos.

-Todo para chegar ao alumno?

 -É que YouTube e Instagram poden ser unha boa ferramenta para ensinar. Tes que incorporar as súas linguaxes, manexar os distintos formatos. Todos temos que aprender, non existen os nativos dixitais.

-As clases de sempre están obsoletas?

-Unha boa explicación dun profesor, unha clase maxistral, segue a ser unha ferramenta innovadora. Ós alumnos tamén lles advirto: o acto íntimo entre ti e o libro non cho quita ninguén.

-Lévanse tan mal as ciencias e as letras?

-Todo o contrario. Gústame mesturalas, é o natural porque o que debemos perseguir é que os estudantes saiban posicionarse ante o mundo.

-Por que as rapazas aínda se resisten ás formacións máis técnicas?

-En xeral, son máis responsables, pero tamén máis inseguras. Non se vén capaces de formarse en carreiras técnicas, tampouco na xunta directiva dunha empresa de enxeñería. Hai que mostrar máis referentes para reverter iso.