A fin da política na xestión pesqueira e o determinismo científico

Torcuato Teixeira TRIBUNA

CIENCIA

19 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía o científico francés Pierre Simón Laplace: «O que sabemos é pouco. O que non sabemos é inmenso». Pero na xestión pesqueira da Unión Europea esta constatación de que a ciencia non pode predicir nin ter respostas para todo non está presente. Máis ben ao contrario; hoxe podemos afirmar que na UE o que vaticine, con máis ou menos datos, ese Gran Irmán da ciencia mariña que todo o sabe, San ICES, vai a misa, e que a ningún sancristán dos que habitan en Bruxelas, ou humildes pescadores, se lle ocorra cambiar nada, porque serán tratados de sacrílegos como mínimo.

Sen abundar na brutal reconversión que sufriu sobre todo a frota galega para adaptar teoricamente a súa capacidade ao estado dos recursos -reconversión puramente política, pois unha mellor redistribución das cotas pesqueiras na UE sen dúbida tería permitido que moita desta frota puidese estar hoxe operativa, dando riqueza aos nosos portos-, parece que hoxe en día a evolución favorable de moitos stocks da UE só se debe aos certeiros ditames científicos, que, ademais de infalibles, teñen o don de que debido á súa sacrosanta procedencia obran o milagre dos pans e dos peixes: grazas a eles parece ser que os pescadores gañamos máis, e os nosos mares teñen máis peixes. Hoxe, xa no século XXI, o dos milagres, aínda que veñan de insignes científicos, xa non coa.

Produto desta santidade e infalibilidade aconteceu que, por exemplo, a nosa cigala do Cantábrico está pechada durante tres anos (2017 a 2019) porque a UE así o decidiu tras vaticinio do ICES, que foi capaz de considerar que, aínda incluso sen que se realizase ningunha campaña científica como tal, estaban en condicións de augurar que a pesqueira corría serio perigo, e qué mellor que deixar, sobre todo á frota española, sen pescar este valioso recurso.

Decisión esta que nunca recoñecerán no ICES e que é produto dun grave erro, a pesar dos informes achegados polo sector pesqueiro e os resultados das campañas científicas do IEO. E non o recoñecerán, entre outras circunstancias, porque cando se fai unha recomendación non se pode revisar ata pasar os tres anos. Ou o que é peor, porque saben que nunca ninguén lles vai pedir contas dos seus erros, e ese gran pagador que se chama Comisión de Pesca seguirá sufragando unha estrutura que se acabou convertendo no verdadeiro xestor da política pesqueira comunitaria. Dadas as circunstancias, sería oportuno preguntarnos se non sobra a Comisión de Pesca e o Consello, debendo deixar a determinación dos TAC, cotas e demais medidas de xestión en mans dos científicos, que de seguro velarán polos peixes coma ninguén. Os pescadores imos camiño de ser, máis ca un sector económico, un sector turístico, antropolóxico, cultural, e para iso, claro, sobra tanto xestor e político.

Decretemos definitivamente a morte da xestión política na pesca, e deamos a benvida ao determinismo científico, que a ciencia nunca se equivoca. E, ademais, todo o sabe, non si?