O Couto rompe o seu propio teito de éxito da cultura con acento feminino

x. a. / j. v. l. CARBALLO / LA VOZ

CIENCIA

BASILIO BELLO

A música, a literatura, a artesanía, a ciencia e a festa desbordaron a aldea pontecesán

21 may 2018 . Actualizado a las 01:05 h.

Ningunha edición do Festiletras, nin sequera aquela xa histórica do 95 co Mago Antón, Milladoiro e o primeiro concerto de Carlos Núñez, conseguiu xuntar tanta xente, e ademais xente nova, na aldea do Couto -tamén na Fundación Pondal-, que se converteu dende o mércores, e especialmente onte, nun canto á cultura propia, ao feminismo e á reivindicación do rural.

Xa dende primeira hora coa Feira de Artesanía e as actividades infantís, na que chamaron á atención e encantáronlle aos cativos as atraccións en madeira cun carácter rústico e singular, todo o entorno fervía de festa, e non só polo sol que quentou todo o día. Tanto, que unido á impresionante presenza de público, fixo que os que levaban nenos nos colo tivesen que saír do recinto por que a calor ambiental e humana éralles excesiva. As leiras que cederon os veciños para acampar e aparcar gratis quedáronse curtas e as ringleiras de coches estendíanse incluso pola estrada xeral, ata o punto de que pasadas ás sete da tarde, co último concerto xa avanzado, seguía chegando xente. Mesmo chegou a esgotarse a bebida por algúns momentos e o churrasco permitiu que moitas familias e grupos de amigos botasen o día enteiro.

Colaboración

A coral A Oliveira como colofón á homenaxe a Manuel María, que ten gardado un sitio especial no Couto como un dos primeiros poetas homenaxeados nas Letras e recordado na aldea e os gaiteiros de Inllar foron enchéndoo todo de música, ata que Terbutalina, demostrou que o garaxe punk festeiro, como denominan a súa música, casa moi ben con vermú. Deles foi tamén boa parte da culpa de que este Festiletras se abrise dun xeito especial aos mozos e mozas, para conformar un espectro de público de todas as xeracións con gusto pola festa pero, sobre todo, comprometido, coñecedor e defensor da cultura galega, porque a vive, séntea e goza dela, tanto ou máis que con outras expresións máis de moda no panorama da verbena do país.

Ademais, todo estaba impregnado dun ambiente moi auténtico de aldea, expresado en iniciativas como o Pasacabanotes, que tomar un viño nun cabanote, dos de verdade.

O carácter especial do público viuse no compromiso coa limpeza e o respecto ao medio, xa non só porque os refugallos non quedaron guindados por calquera sitio, como pasa tantas veces noutras festas, senón pola colaboración na limpeza.

É que a colaboración de moitas ducias de persoas, entre elas xente cada vez máis nova xa coas súas propias iniciativas, inquedanzas e xeitos de facer, converteuse na base fundamental do Festiletras, porque son moitos días de traballo, físico e organizativo, feito na súa meirande parte con voluntarios, que lle permiten a unha pequena aldea un nivel de actividades culturais que envexan moitas vilas.

Ademais, se por algo se caracterizou esta edición foi polo seu profundo calado feminista, buscado e sobrevido. As interesantes propostas das aldeas foron todas de mulleres, a presenza de literatas -tanto xa recoñecidas como novos descubrimentos- claramente maioritaria e mesmo as gañadoras do Festiciencias, todas mozas. En definitiva, unha festa da cultura, da muller e do rural para lembrar moito tempo.

BASILIO BELLO

«ApoteoSés»

Directamente varreu, ata o punto. Xa antes de comezar estaba todo cheo e o público, cun parroquia importante de incondicionais, aclamábana con palmas. María Xosé Silvar, Sés, e a súa banda, con máis presenza local aínda con Icía do Manso, puxéronlle o verdadeiro broche de ouro ao Festiletras. Cheo de forza de de carga política a mensaxe da cantareira chegou de cheo a un público novo e non tanto a través de temas recentes e algúns que son xa verdadeiros himnos como «Labregha berghantiñana». Lembrou a Rosalía para unha verdadeira reivindicación orgullosa da cultura galega e da muller.

Ana Garcia

«Moita xente soubo por primeira vez dun lugariño que fai unha festa das letras»

Ao profesor e técnico cultural Xosé María Varela, peza clave en todo isto, faltábanlle onte palabras para os agradecementos, «á veciñanza, ás autoridades, aos creadores, aos medios...», pero, sobre todo, aos voluntarios. Moita xente nova que logrou darlle, grazas ás tecnoloxías da comunicación, unha dimensión diferente ao Festiletras. «Moita xente soubo por primeira vez que un lugariño, unha aldea de 100 veciños, fai unha festa das letras, e para nós facer visíbeis os espazos rurais é algo moi importante. Foi un traballo moi grande de respecto á nosa tradición, de moita xente, moito voluntario, que dende o mércores pisou moi pouca cama», explicaba Varela, que tamén se quedou coa carga feminista como un valor do que sentirse orgullosos, xa pola tarde, ao remate do concerto de Sés.