«A Universidade de Verán pon a ciencia ao servizo da sociedade»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

CIENCIA

monica ferreirós

Atribúe a participación «ao interese na formación e no ocio cultural»

23 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Finalizada a primeira fase da Escola de Verán da USC, hai 618 matrículas formalizadas. As actividades continúan nos meses de xullo e setembro, con novos cursos en Santiago, Lugo, Guitiriz, Lalín, Meira, Ribadeo e Ribeira. O vicerreitor de Estudantes, Francisco Durán, afirma que se suspenderon dous, un en Compostela e outro en Seoane do Courel «por petición dos organizadores», e está previsto que prosperen os 28 que aínda restan. «Na USC mantemos esta programación desde os albores da década de 1990, sobre todo despois da segregación. Pensamos que se cumpren ben as expectativas, e hai que recoñecer o labor que fai Pablo Sampedro, o director da área de Cultura», afirma.

-¿Quen participa nestas actividades?

-Parte importante das persoas matriculadas son estudantes da USC. Despois, segundo o lugar onde se celebren, hai peculiaridades. No campus de Lugo, por exemplo, observamos unha participación importante de estudantes de cuarto ciclo. E tamén de outros ámbitos da sociedade, como técnicos de concellos, profesionais, mesmo veraneantes.

-¿Como foi a demanda este ano?

-De 618 matrículas que xa se formalizaron, a maioría, 412, son en Santiago, para 21 cursos: e despois 115 en Lugo, para 8 actividades. Dos restantes concellos, en Guitiriz hai 29 matrículas, 23 en Lalín, 18 en Meira, 12 en Ribadeo e 9 en Ribeira; e aínda hai prazo para que se formalicen máis matrículas de persoas interesadas en participar.

-¿Son cursos moi numerosos?

-Os de máis matrícula teñen 56, 51, 39, 38 e 35 participantes.

-¿Que lles interesa máis destes cursos ás persoas que participan?

-Moitas persoas fan un esforzo para poder participar e mellorar a súa formación; mesmo xente sen estudos universitarios. A idea da Universidade de Verán é chegar a todo o mundo. Comprobamos que a participación se debe ao interese na formación e no ocio cultural.

-¿Ve iso interesante?

-Si, evidencia que organizar esta programación foi un acerto da USC. E cumprimos coa obriga da divulgación, o que é importante.

-¿Como se explica esa obriga?

-A divulgación é un dos obxectivos centrais para a USC. E a Universidade de Verán pon a ciencia ao servizo da sociedade, cunha linguaxe que permite chegar a todo o mundo.

-¿Como responden os concellos onde non hai facultades?

-Algúns concellos, e outras institucións, subsidian actividades. Estamos satisfeitos da contribución. Un problema destes cursos é que todos dependen de que se autofinancien, por iso hai que esperar ao final para ver se a matrícula é suficiente para que prosperen. Para nós é positivo que se manteña o número de cursos, que non diminúan.

-Hai concellos que deixaron de acoller cursos...

-Si, este ano houbo redución de concellos, pola crise. Outros anos houbo actividades en Noia, Sarria ou Caldas.

-¿Como foi a súa experiencia nestas actividades de verán?

-Lembro por exemplo un curso sobre migracións, en Caldas, onde boa parte das persoas que participaban eran emigrantes do noso país retornados, ou xente de outros lugares que viñeron convivir con nós. Había debate, participación e esa é unha das razóns de ser destes cursos.

FRANCISCO DURÁN VILLA VICERREITOR DE ESTUDANTES, CULTURA E FORMACIÓN CONTINUA