«A ciencia non ten nin idea de como emerxe a mente consciente»

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

CIENCIA

Mariño di que usamos todo o cerebro porque senon as neuronas morren

22 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O neurocientífico Xurxo Mariño Alfonso (Lugo, 1969) é un dos grandes divulgadores científicos que hai en España. Impulsor dos cafés científicos e dos discurshow, este membro do grupo de Neurociencia e Control Motor (Neurocom) da Universidade de A Coruña atrévese agora cun libro, a súa terceira obra e a primeira publicada en castelán nunha editorial nacional, na que asume o reto de explicar de forma didáctica e sinxela, de ti a ti, o funcionamento da máquina máis perfecta que existe: o cerebro. Neurociencia para Julia, da editorial Laetoli, preséntase hoxe, as sete e media da tarde, na Domus de A Coruña.

-¿Quen é Julia?

-É calquera persoa interesada en saber como funciona a súa máquina, esa que temos nós aí dentro e que produce a mente. Son as persoas con curiosidade polo sistema nervioso.

-No seu libro derriba varios mitos, e un deles é o que di que só empregamos a décima parte do noso cerebro.

-Si. A verdade é que usamos todo o cerebro e todo o sistema nervioso. E ten que ser así, porque as neuronas que non empregamos morren.

-¿E é verdade tamén que ten unha plasticidade?

-Si. É algo extraordinario, pero é así. Pode incluso cambiarse a ruta pola que entra un sentido. Por exemplo, a unha persoa que perde o sentido do equilibrio pode ensinárselle a percibilo a través do tacto da lingua.

-E cal é a clave, ter moitas neuronas ou a comunicación, ou sinapsis, que existe entre elas?

-É certo que temos un número limitado de neuronas, 85.000 millóns, pero o que non é limitado é o número de ramificacións ou conexións entre elas. Si lle das máis traballo ao cerebro fanse máis conexións e aumentan as túas capacidades cognitivas.

-¿Entón hai que darlle traballo?

-Si lle das traballo ao sistema nervioso é probable que haxa, por exemplo, menos posibilidades de ter alzhéimer.

-¿Non é un pouco reducionista dicir que o eu, a mente consciente, é froito da actividade química e eléctrica das neuronas?

-Si pode parecer reducionista, pero non pode ser doutra maneira. Se unha persoa perde un cacho de cerebro, perde tamén as capacidades asociadas.

-¿Pero cómo se crea?

-A ciencia actual non ten a máis remota idea de como emerxe a mente consciente, o eu. Pero non hai ningunha dúbida de que é o resultado ou produto das células que temos no noso cranio.

neurocientífico e divulgador