O «cura das Encrobas» conta xa cunha biografía científica
19 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O escritor galego Victorino Pérez Prieto retorna á palestra literaria cun libro de editor, un encargo da Irmandade Moncho Valcarce, titulado Moncho Valcarce, un símbolo para Galiza, que onte foi presentado na Libraría Couceiro. Neste libro Victorino traza unha biografía científica deste home coñecido xa na historia como «o cura das Encrobas», que foi unha icona da loita labrega en Galicia nos estertores da ditadura franquista e durante a transición.
-¿Foi moi laborioso para vostede abordar este libro sobre Moncho Valcarce?
-O meu labor foi poñer a andar o libro, facer unha biografía científica de Moncho Valcarce que nunca se fixera. Tiven que recuperar todos eses manuscritos que estaban en mans de familiares e dunha persoa amiga de Moncho. E, por primeira vez, sabemos algo da vida de Moncho con veracidade.
-¿Necesitou moito tempo para recompilar todos estes documentos?
-Foi cousa dun ano. O libro ten dúas partes. Unha primeira de manuscritos inéditos e outros textos, como o diario de cando estivo preso en Poio, un documento realmente moi importante, non só para coñecer quen foi Moncho Valcarce senón tamén a conflitiva transición española. E a outra parte son os estudos sobre a dimensión teolóxica e mística e a súa dimensión social e política.
-Despois de todo este laborioso traballo, ¿que é o que queda na memoria colectiva e que significou para Galicia a vida deste sacerdote comprometido con Deus e cos oprimidos?
-Con este libro, e con outro anterior titulado Revolucionario e místico, queda claro que Moncho era unha persoa profundamente relixiosa, un cura por convicción. Un cura non do estilo dos curas barragáns tradicionais, que vivían de explotar aos veciños, senón un cura que fundiu a súa visión de home comprometido con Galicia co seu compromiso relixioso liberador, como Xesús de Nazaret.
-¿Os veciños e labregos gárdano aínda hoxe na memoria?
-Si. Moitos dirán que era un cura raro pola maneira de facer as misas e porque o meteron na cadea, pero a xente dunha ou outra tendencia sabía que era un home bo e entregado. O durísimo maltrato padeceuno como un máis. Sen embargo, non gardou rancor á xente que lle fixo iso. Incluso unha vez invitou a un policía que o maltratara na cadea a tomar un viño con el.
VICTORINO PÉREZ PRIETO escritor