A ciencia tamén é bilingüe

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA/LA VOZ.

CIENCIA

Alumnos do instituto de A Cachada fixeron un traballo para conmemorar o primeiro Día da Tecnoloxía en Galego

05 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Onte celebrouse por primeira vez o Día da Ciencia e a Tecnoloxía en Galego, unha iniciativa que pretende reivindicar a idoneidade do uso do galego nos eidos científico-tecnolóxicos e á que se sumou o instituto boirense da Cachada co traballo realizado por un grupo de alumnos coordinados pola profesora Ana Moreiras. Durante un par de semanas, os rapaces dedicáronse a dúas tarefas fundamentais: por un lado, buscar documentación e, polo outro, crear un hórreo de refugallo.

Esta tradicional construción, que se exhibe na entrada do instituto, é a que máis chama a atención, sobre todo polos materiais cos que está realizada. Trátase de teclados de ordenador vellos, cintas de vídeo, disquetes e circuítos impresos que dan forma a un hórreo que se sustenta sobre unha placa solar que, ao igual que o resto dos materiais, é reciclada. Pese a estar estragada, no centro lograron que a placa volvera a funcionar para completar un cabozo que pretende ser unha metáfora da conservación do galego: «Queremos simbolizar a nosa intención de preservar o galego na tecnoloxía dende a óptica do progreso». De feito, o slogan que aparece recollido no hórreo é «Sementando con-ciencia».

Traballo en equipo

Os rapaces que participaron no proxecto investiron arredor de dúas semanas en dar forma á construción traendo das súas casas todo tipo de materiais de refugallo tecnolóxico procedentes de ordenadores e electrodomésticos diversos, de xeito que o hórreo parece máis un collage obra dunha clase de artes plásticas que un traballo relacionado coa ciencia.

Pero o proxecto desenvolvido polos alumnos de terceiro e cuarto de ESO do instituto boirense ten unha segunda parte que tamén está exposta no recinto educativo. Para incidir na idea de que o galego é tan valido coma calquera outro idioma para o seu uso nos ámbitos tecnolóxico e científico, os rapaces levaron a cabo tamén un traballo de investigación.

Este labor consistiu basicamente en buscar e seleccionar a través de Internet novas relacionadas con descubrimentos científicos feitos por profesionais galegos. Estes artigos, acompañados de fotografías, están recompilados nuns paneis colocados xunto ao hórreo de refugallo co obxectivo de facer chegar a mensaxe a todo o alumnado e profesorado do centro.