Sesións divulgativas e experimentais compoñen os actos de aniversario da Facultade de Ciencias

La Voz

CIENCIA

16 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Con motivo do 15 aniversario da súa fundación, os 25 anos da inauguración do edificio e os 35 da creación do Colexio Universitario de Lugo, a Facultade de Ciencias acollerá ao longo da vindeira semana toda unha serie de actos, que serán inaugurados oficialmente pola conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; o vicerreitor de Cultura, Elías Torres; o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Carlos Herrero; o decano do centro, Francisco Fraga; o subdelegado do Goberno, Jesús Otero; e o alcalde de Lugo, José López Orozco.

A encargada de abrir a quenda de intervencións será a profesora María Isabel Fernández García, que realizará unha reseña histórica da evolución do centro, desde que era Colexio Universitario ata converterse en Facultade de Ciencias.

Ao longo da semana celebraranse varios relatorios, a cargo de prestixiosos catedráticos de diversas especialidades de distintas universidades españolas. Entre eles figura Carlos Pajares Vales, catedrático de Física Teórica da Universidade de Santiago, que ofrecerá unha visión da Física e da Química dende un punto de vista divulgativo. Ademais das diferentes ramas das ciencias, tamén haberá intervencións de especialistas en Humanidades, como Jesús Varela Zapata, Ángeles Rodríguez Fontela, Claudio Rodríguez Fer e Antonio Rodríguez Colmenero.

No programa de actos inclúense dúas xornadas sobre física recreativa, que serán o martes e o mércores a partires das cinco da tarde e nas que se levarán a cabo demostracións sobre experimentos físicos. Os condutores destas demostracións serán Miguel Ángel Cabrerizo, catedrático de Física Aplicada da Universidade de Granada e premio internacional da Comunidade Europea en Física recreativa, e Julio Seijas Vázquez e José Crecente Campo, profesor e investigador da Facultade de Ciencias de Lugo. Coa realización destes sinxelos experimentos preténdese achegar a toda a sociedade a física e a química e a súa aplicación á realidade cotiá.

Estas actividades, de iniciación e de especialización, están abertas ao público en xeral, aínda que dun xeito especial diríxense aos estudantes de Secundaria.