Jesús Rodríguez Muíños, Carolo: «Oxalá o Lugo ascenda axiña»

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios LUGO / LA VOZ

CDLUGO

Carolo desexa que o Lugo volva axiña á Segunda División.
Carolo desexa que o Lugo volva axiña á Segunda División. CEDIDA

Di que na cidade conserva moitos coñecidos e sempre foi ben acollido

07 ene 2024 . Actualizado a las 23:09 h.

Hai anos, Jesús Rodríguez Muíños foi coa familia a unha praia do Barbanza. O home que gozaba dun día de lecer no verán volveu ser o futbolista que xogou en moitos equipos. «Ti es Carolo», lle dixo alguén que o recoñeceu. Non é raro, pois case trinta anos de actividade en clubes das catro provincias galegas e de fóra de Galicia dan para moito.

-É duro para un rapaz saír da casa e xogar ao fútbol noutra vila, lonxe da familia?

-Daquela non se tiña medo a saír da casa como si se ten agora. Fun a unha pensión de Vigo. Cando xoguei no Céltiga e no Arousa, estiven na casa; logo volvín marchar.

-Apréndese desa experiencia, de deixar o fogar e de ir a outro sitio?

-Si. Un aprende a defenderse, non depende dos pais, aínda que eu ao principio non gañaba diñeiro e meus pais axudábanme. É duro? Ía facer o que me gustaba, que era xogar ao fútbol, coa ilusión de chegar a algo.

-Conseguiu aquilo co que soñaba sendo un rapaz?

-Non fun profesional de Primeira División, pero si fun profesional do fútbol e gañei bos soldos.

-Cando un decide retirarse, mándalle esa orde o corpo ou dille a cabeza que xa chegou o momento?

-Máis o corpo. En primeiro lugar hai que ter ilusión. Con 42 amos fun xogar a Ferreira de Pantón e daquela tiña gana aínda: metín goles, fixéronme penaltis... Tamén inflúe como estea o equipo no que xogues. Se as cousas van mal, a xente di ‘o vello xa non pode'; se van ben, di ‘o vello aínda resiste'. Eu, ademais, son competitivo; e se vexo que non dou o nivel, apártome para non estar por estar.

-O mellor recordo da súa carreira profesional é o ascenso do Lugo a Segunda División?

-É un dos grandes recordos, como tamén o son os ascensos de Terceira División a Segunda B. Todos os recordos que teño do fútbol son bos. Fun campión de España xuvenil: falamos de 1983, teño un gran recordo diso... Era unha época na que o fútbol desas categorías comezaba a saír na televisión. Pero tamén podo dicir que Lugo sempre foi para min un lugar moi acolledor, con xente moi sa. O Sar é o equipo do que teño os recordos do comezo, que sempre están na cabeza.

-O fútbol fíxoo persoa?

-Si. Axudoume moito. O deporte axuda a ser doutra maneira, a non estar moi arriba nos bos momentos e a non afundir nos malos. Iso, que non che afecten moito a euforia nin o pesimismo, é algo no que che axuda o fútbol. O que se ve agora do fútbol é moi bonito; pero dos adestramentos e das lesións non se ve nada, e niso o fútbol faite forte. Cando se facían, sendo eu xogador, corenta ou cincuenta minutos de carreira continua, había moito sufrimento pero tamén éxitos deportivos. Había glorias deportivas pero tamén, por detrás, momentos malos que te facían máis forte.

-Volvería ser futbolista?

-Si, si, si. Cando deixei de xogar, fíxenme árbitro, que tamén é moi bonito. Cheguei a arbitrar en Segunda Rexional, e pola idade non podía chegar máis arriba. Ter xogado ao fútbol axuda moito. Hai xente de Ourense que me recorda como árbitro e eu dígolles que non, que arbitrei dez anos pero que fun futbolista corenta anos. Co fútbol coñeces moita xente: se vou a Lugo ou a León, é seguro qu e vou atopar algunha xente coñecida.

-Está pendente da traxectoria do CD Lugo?

-Miro os resultados do Lugo e dos equipos nos que xoguei. Non son futboleiro de ver partidos na televisión, pero si miro os resultados.

-Ascenderá o Lugo?

-É complicado. Oxalá ascenda axiña. Aguantou moitos anos [en Segunda División], pero agora vaille custar. Se consegue manterse na cabeza, xa é abondo.

-Cambiou moito o fútbol dende os tempos nos que vostede xogaba?

—Vai gañar o [equipo] que meta máis goles, pero [Pep] Guardiola cambiou a maneira de xogar e agora dáse máis importancia á posesión do balón. Os tempos cambian: como lle vas dicir a un rapaz que faga unha gran carreira se os pais o levan ao campo de fútbol e ata lle levan a bolsa? Todo vai cambiando.

Orixe. Jesús Rodríguez Muíños, Carolo, naceu en Extramundi (Padrón) en 1965.

Evolución. Comezou xogando ao fútbol no Sar, de Extramundi. O Celta (o xuvenil; o filial, daquela o Gran Peña, e o primeiro equipo), o Céltiga, o Arousa, o Lugo, o Gramanet, o Vista Alegre, a Cultural Leonesa, o Ponte Ourense e o Lalín foron os seus seguintes equipos. Continuou xogando en equipos de Lugo e de Ourense de categoría rexional, e rematou no Sar, no que comezara a súa carreira deportiva.

Actualidade. Vive en Ourense, traballa nunha empresa e é adestrador do equipo infantil do Ourense CF.

«Os xogadores chegan ao vestiario cos móbiles; nós chegabamos con risas e con bromas»

Jesús Rodríguez Muíños xogou en moitos equipos. Uns eran de vilas pequenas, e outros, de cidades xa algo grandes. O que había en común entre uns e outros é que o futbolista non estaba lonxe da afección, e el sente que esa relación non é hoxe coma daquela. Tamén di que un equipo debe ser sobre todo un grupo e que na medida en que o consiga terá máis forza para competir.

-Cambiou nos últimos anos a relación entre os xogadores e os afeccionados?

-Si cambiou. Antes falábase moito coa xente. Creo que agora hai unha barreira. Os xogadores chegan ao vestiario cos seus móbiles; nós chegabamos con risas, con bromas... Si é certo que non hai ese feeling coa afección que había antes; pero tamén entendo que os xogadores non aturen que se estea sempre enriba deles.

-Como era o Lugo do ascenso a Segunda División na temporada 1991-92, no que vostede xogaba?

-Era un grupo de xente veterana, honrada e sacrificada. Antepoñíase o equipo ás individualidades. Ademais tiñamos un bo adestrador, Xulio Díaz, e botabásmolle fe.

-Debe estar sempre o grupo por enriba dos xogadores?

-Si, sempre. Se non hai boa relación no grupo, o traballo é complicado. Se hai bos xogadores, con calidade, a cousa pode saír fenomenal, pero por enriba de todo debe estar o grupo. Se hai bos resultados, todo vai ben. Se hai malos resultados, xa se bota ao adestrador.

-Despois de ter sido xogador tantos anos, pásase ben adestrando?

—Si. Ata os doce anos ou así, fan calquera cousa que lles digas, son obedientes. No fútbol base non debera haber resultados; pero tamén é certo que os resultados axudan a facer equipo, porque se non se gaña de cando en vez, xa é máis difícil adestrar.