De futbolista a gandeiro: «Perdo 5.000 euros ao mes, á xente nova dígolle que non se meta a isto»
Álex Bao ten 160 cabezas de gando, explica que a súa situación é «sangrante»
Cospeito / La Voz
A historia de Álex Bao, un rapaz de Lugo que ten 32 anos, dista moito das convencionais. Cambiou o campo de fútbol por unha explotación gandeira da que está ao fronte dende hai algo máis dun ano. Pero non foi doado, xa que como el explica polo seu camiño cruzouse unha lesión que o afastou dunha das súas paixóns, pero que o levou a cumprir outro sono que tiña pendente dende que era pequeno. «Sempre me gustaron os animais, pero todo o mundo me di que é moi raro porque non son de familia gandeira. Estiven en Lugo ata os 13 anos e despois mudeime a Castro», explica Álex dende a súa gandaría, que está en O Arneiro (Muimenta, Cospeito). Sen embargo, a estas alturas síntese afogado, xa que perde 4.000 euros ao mes e ten que pagar outros 1.000: «de seguir así non duro tres ou catro meses máis, aos rapaces que pensen en incorporarse só lles podo dicir que non o fagan», conta con moita pena.