lugo / la voz

Líder segue dando impulso ao fútbol base lucense. A piques de cumprir un ano máis saíndo cada luns á rúa para dar conta cada semana da actualidade dos equipos da provincia -e xa van catorce-, este luns o suplemento deportivo organizou unha nova edición da súa gala de premios na que se recoñece aos mellores xogadores, adestradores, equipos e árbitros de cada categoría, desde prebenxamín ata xuvenil.

Coas butacas do Auditorio Gustavo Freire ao completo e co xornalista Terio Carrera como mestre de cerimonias, os premiados foron recollendo os seus galardóns ata que chegou o momento culminante da noite coa elección do Balón de Ouro do fútbol lucense, que recibiu David Guitián. «Un soño cumprido», recoñeceu emocionado o xogador do CD Lugo que se compaxinou a Liga Nacional coa División de Honra Xuvenil. A sorpresa desvelouse no treito final da gala no que familiares, amigos e adestradores do dianteiro albivermello se sumaron ás felicitacións a través dun vídeo homenaxe.

Máis premiados

Guitián converteuse no gran protagonista dunha noite no que tamén se fixeron realidade outros soños. Durante a cerimonia, entregáronse máis de 120 premios aos xogadores dos equipos ideais de cada categoría, unha selección que conta co aval dos adestrador e dos capitáns dos conxuntos involucrados nas competicións, encargados de elixir por votación aos galardoados.

Ademais, Jonathan do Xove Lago prebenxamín, Arón do CD Lugo benxamín, Mateo Muñoz da Residencia alevín, Adrián do Viveiro infantil provincial, Yoel da Residencia cadete provincial, Marco do Rácing Villalbés B provincial, Buíde do CD Lugo de infantil galega, Gabri Blanco do Rácing Villalbés de cadete galega e Rubén do Viveiro de xuvenil galega foron recoñecidos como mellores futbolistas das súas respectivas ligas.

Por terceiro ano consecutivo, entregouse tamén un galardón ao máximo goleador das ligas galegas da categoría xuvenil, un premio que mantén viva a lembranza do dianteiro do Rácing Villalbés, Jorge Tato Rey, falecido nun accidente de tráfico en abril de 2016.

Fútbol feminino

A Gala de Premios Líder deu tamén eco aos éxitos colleitados esta temporada polo fútbol feminino cunha homenaxe ás xogadoras da selección provincial da categoría alevín que fixo historia ao ser a primeiro combinado feminino que conseguiu clasificarse para a fase final dun Campionato Galego. As trece integrantes do equipo ?futbolistas de Milagrosa, Santiago de Foz, Residencia, Rácing Villalbés, Mondoñedo, Sagrado Corazón, Piringalla e Monterroso- recibiron o seu recoñecemento durante a cerimonia.

Ademais, Alexia do Sagrado Corazón prebenxamín, Candela do Becerreá infantil e Carmen, do

Calasancio, a única xogadora lucense que compite en Liga Galega infantil foron elixidas nos

equipos ideais das súas respectivas categorías.

Durante o acto tamén se puxo de relevo o terreo gañado polas mulleres na arbitraxe. Anaí Vázquez foi unha das galardoadas co premio aos mellores colexiados e colexiadas da provincia de Lugp.

Exemplos a seguir

Durante a cerimonia fíxose tamén memoria das once edicións dos premios Líder, subindo ao escenario algúns dos Balón de Ouro das últimas galas, buques insignia da canteira provincial.

Marcos González, capitán do CD Lugo B da Terceira División, Keko Vilariño, xogador de Segunda División B que debutou tamén no CD Lugo ou Diego Villares, futbolista do Fabril de Segunda División B e do Rácing Villalbés de Terceira División ou Simón Lamas, coordinador da base e adestrador do primeiro equipo do club chairego, entregaron algúns dos premios. A gala tamén contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, e do deputado de Deportes, Pablo Rivera.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Guitián coroa a festa do fútbol base