Charanga Benofán: «Somos asiduos á Carballeira de Zas, é un festival ao que adoitamos non faltar»
ZAS
Esta agrupación de Teo actuará o domingo no Mercado de San Ramón do Allo
28 ago 2026 . Actualizado a las 22:40 h.Unha desas citas que marcan cada ano a recta final do verán é o Mercado de Artesanía de San Ramón, unha sorte de despedida da tempada estival que terá como escenario un dos maiores emblemas do patrimonio comarcal, como son as Torres do Allo (Zas).
Alí daranse cita este domingo unha vintena de artesáns e creadores da bisbarra, que amosarán os seus traballos e oficios aos visitantes ao longo dunha xornada na que haberá así mesmo un bo compendio de actividades paralelas: obradoiro de barro, loita de regueifeiros novos conducida pola coristanquesa Lupe Blanco, comida campestre, xogos infantís, un espectáculo de Brais das Hortas ou unha visita teatralizada cos Quinquilláns.
Ademais, a iso das dúas dará comezo unha sesión vermú que estará animada pola Charanga Benofán, unha agrupación formada por mozos de Calo (Concello de Teo) que está a recuperar o repertorio das murgas, charangas e orquestras de comezos do século pasado, e que xa pasou por outras citas da bisbarra como a Muinhada de Vimianzo. Pedro Iglesias, un dos seus integrantes, falou onte en Radio Voz:
—Cando xorde esta oportunidade de actuar no Allo?
—Penso que foi a finais do ano pasado cando nos contactaron para este concerto de remate de verán, e nós encantados de estar aí.
—Xa teñen actuado noutros mercados artesáns deste estilo?
—Temos estado si, e por esa zona de Bergantiños, de feito. Tamén participamos en foliadas, festivais, pasarrúas... Somos un grupo bastante versátil.
—Que tal está indo o verán?
—Moi ben! Tivemos aí atrás unha viaxe moi especial, pois fomos ao Festival Intercéltico de Lorient e foron unhas semanas chulísimas, facendo concertos por alí. E agora estamos rematando a tempada con estas dúas últimas actuacións da fin de semana.
—Valoran positivamente este bum de artistas galegos actuais? Tanto no eido tradicional como na música máis urbana.
—Totalmente. Nós andamos todos polos vinte e poucos, así que todo este bum colleunos cando comezabamos a ir ás foliadas. Agora fanse en moitísimos sitios, vense cada vez máis charangas como a nosa, hai festivais tradicionais que están batendo récords ano tras ano... Para nós, iso é unha alegría inmensa, porque vemos que hai moito futuro para a música que nos gusta facer.
—Será a primeira vez que actúen pola zona de Zas?
—Á Costa da Morte temos ido bastante, e tamén á zona de Muros, onde tocamos moito nos inicios. A Zas será a primeira vez que vaiamos actuar, aínda que somos asiduos á Carballeira [ri]. É un festival que nos gusta moito e este ano non puidemos ir porque estivemos en Francia, pero nos anos anteriores é unha cita á que intentamos non faltar.
—Como nace a Charanga Benofán?
—A idea comezou no 2022, pero levamos actuando dende inicios do 2023. Aínda que xa dende antes de formar a charanga viñamos tocando todos xuntos na asociación que temos alí en Calo. Algúns vimos de gaita e tradicional, e outros de banda, así que a idea de formar unha charanga tradicional mesturaba eses dous mundos. Era algo que levabamos dentro dende pequenos.
A PROGRAMACIÓN DO MERCADO
11.00-20.00. Apertura dos postos de artesanía e oficios.
12.00. Obradoiro de barro, con inscrición previa.
12.00. Loita de regueifeiros novos, con Lupe Blanco.
14.00. Sesión vermú coa Charanga Benofán.
15.00. Comida campestre con servizo de pulpeira.
17.00. Xogos infantís, con punto de encontro no xardín.
18.00. Espectáculo familiar «Consertasso na Horta», con Brais das Hortas.
19.30. Visita teatralizada coa compañía Os Quinquilláns.