Un público totalmente entregado alargou todo o que puido a festa
10 ago 2026 . Actualizado a las 04:14 h.Pecha a 41 edición da Carballeira de Zas cunha última xornada na que se voltou á esencia mesma da celebración. Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre montaron a súa romería para comezar a xornada e desataron a foliada que fiaría o ánimo xeral dunha tarde chea de cantareiras e música popular. Pecharía o primeiro bloque Alana, concerto durante o que Eloy Vidal reiteraría que todo aquilo «era un soño» para eles. Ainda que o concepto fundacional da carballeira representárono os que xa eran un dos grandes protagonistas da edición: Radio Cos. Abriron o tramo nocturno e non tardaron nada en gañarse ao público cunha proposta elegante, con voces de calidade e sen artificios. A mestría de Pedro Lamas ca gaita e o clarinete, de Nikolay Velikov co violín e de Roberto Comesaña ao acordeón; sumado ás voces de Xurxo Fernandes e Quique Peón formaron una lista de pezas escollidas con un gusto que fixo as delicias dos presentes.
Esta actuación foi o retorno do conxunto á Carballeira logo de nove anos, pero, ao mesmo tempo a despedida, pois Radio Cos pon punto e fin aos seus 21 anos de traxectoria neste 2026. «Nos témoslles un cariño especial pola súa vinculación con Zas, en especial a Quique Peón e a Xurxo Fernandes», di Fernando Nieto, voceiro da organización. Precisamente Quique Peón recordou os anos nos que foi profesor de música tradicional no concello. E cun «marchamos que temos que marchar» e unha última muiñeira ribeirana, o conxunto despedíuse da Carballeira de Velar.
Tomaron o relevo o quinteto irlandés Backwest que fixeron saltar a todo o público, deixando claro o encantados que estaban de «tocar música celta en Galicia». E o ánimo non decaeu coa entrada de Fillas de Cassandra, que actuaban por vez primeira neste escenario. Co recinto ateigado, presentaron en Zas o seu novo álbum, «Tertulia» e repasaron os seus grandes éxitos. Rematou a noite Señora DJ, que prolongou a festa ata «as catro e algo da madrugada e logo ainda se alargou a foliada», apunta o voceiro.
Récord de asistencia
Dende que a programación empezou ata o seu remate, o denominador común deste ano foi a gran afluencia de público. «[A do sábado] foi a sesión vermú e a foliada con máis público da Carballeira», comenta Nieto: «Fixemos récord de asistencia e venda de entradas nunha edición». Ningún artista se puido sentir só, pois sempre había unha marea de xente disposta a entregarse á música e a facer foliada. Unha marea, ademais, heteroxénea; onde podías atopar a señoras maiores bailando o agarrado con outras máis mozas ou a nenos máis cativos xogando no río e desfrutando do día coa súa familia.
Leer más: Carballeira de Zas, felicidade colectiva
Pois alén da música, a Carballeira de Zas ofrece gastronomía a prezos populares e unha ampla variedade de artesáns, que presentan o seu traballo nun mercado ao que este ano se sumou a Deputación da Coruña para ampliar esta oferta a case 50 casetas: «Para moitos, xa só polo ambiente é a súa festa preferida», comenta Nieto. Outras novidades foi a ambientación do concello con diferentes decoracións e a aposta polo audiovisual, con máis contidos tanto dos concertos como implicando ao público.
Dende a organización afirman que pechan cun «balance moi positivo» e agradecen aos asistentes a súa «comprensión» e civismo, que permitiron conservar nas mellores condicións posibles o espazo natural. Tamén aseguran que xa teñen posta a ollada na vindeira edición do 2027. «O primeiro mensaxe que vin no grupo dos voluntarios, a iso das sete ou oito da mañá foi: ‘‘Xa queda menos para a 42''», dixo Fernando Nieto.