Enfermeira e pandeireteira, é con 22 anos remuda e futuro da música galega

ZAIDA ARNAU / P. B. CARBALLO / LA VOZ

ZAS

Ángela Pardiñas, durante o concerto de Lorelia no San Xoán de Carballo
Ángela Pardiñas, durante o concerto de Lorelia no San Xoán de Carballo ANA GARCIA

A canteira do talento | Zasense de Langueirón, Ángela Pardiñas integra a banda Lorelia, premiada cun Códax no 2025

09 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Ángela Pardiñas Ferreiro, de 22 anos e natural de Langueirón (Zas), converteu a música tradicional galega nunha parte da súa vida. A través da pandeireta, do canto e da participación no grupo Lorelia, mantén vivo o vínculo coa súa terra e coa cultura que herdou dos seus maiores. Compaxina esa paixón da que fala coa profesión: Ángela é enfermeira.

O seu camiño na música comezou cando apenas tiña sete ou oito anos. «Comecei a ir a clases de pandeireta un pouco por familia, porque á miña avoa encantáballe esa música», explica Ángela. Dende aquela foi unha constante, primeiro a través da formación en pandeireta e despois tamén co piano, que estudou durante varios anos, e coa participación nun coro veciñal. Os seus primeiros pasos estiveron ligados á agrupación Churía, en Zas, onde aprendeu pandeireta e baile tradicional. Foi alí onde comezou a coñecer a importancia de conservar as pezas, os ritmos e os costumes da súa contorna.

Antes de chegar a Lorelia —antes Paracetafolk, Premio Martin Codax no 2025 como grupo Emerxente—, Ángela formou parte de diferentes proxectos relacionados coa música tradicional, entre eles Aires do Pinar, grupo de Cabana no que varios mozos compartían a súa afección pola música e participaban en festas e encontros populares.

A súa incorporación ao grupo chegou case por casualidade durante unha foliada. Propuxéronlle formar parte dun novo grupo que buscaba unha pandeireteira que tamén cantase. Así, dentro de Lorelia, Ángela achega sobre todo a súa voz e a súa personalidade. Para ela, a pandeireta e o canto son dous elementos inseparables: «Non son capaz de tocar a pandeireta sen cantar, non o sinto igual». Cantar e tocar, di, é tamén unha maneira de lembrar os seus avós e as antigas reunións nas que a xente se xuntaba para facer festa. Valora especialmente o traballo de recuperación do patrimonio musical que realizan asociacións como Churía, permitindo que novas xeracións coñezan a historia da que veñen.

Ángela compaxina a súa profesión como enfermeira coa actividade musical. Aínda que tivo que deixar algunhas formacións por falta de tempo, sempre buscou a maneira de continuar en Lorelia: «Tiña claro que quería seguir pasase o que pasase». Sobre o escenario, o que máis valora é a conexión cos compañeiros e co público. Ver como a xente recoñece unha canción da súa terra, se anima a bailar ou lembra historias relacionadas con esas pezas é, para ela, unha das maiores satisfaccións. Pardiñas representa unha nova xeración que recolle o legado da música tradicional e lle dá continuidade desde o presente. Participar nunha foliada, sopesa, permite atopar conexións, xerar pertenza e transmite forte sentimento de agradecemento: «Dá igual que sexa en Vigo, Pontevedra ou onde sexa; seguen bailando tradicional, méteste a bailar e os dous facedes o mesmo. É unha conexión co resto dos galegos, algo noso».