Achégase a 41.ª edición da festa, e o corazón da celebración late grazas a máis de 125 persoas
05 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Cando o público chega á Carballeira de Zas, o recinto xa está preparado para recibir a eses milleiros de persoas. Todo parece funcionar con naturalidade, pero detrás de cada concerto, de cada comida servida ou de cada detalle da organización hai meses de traballo e un equipo de máis de 125 voluntarios que fan posible a que é unha festa folk referente en Galicia e fóra dela. Sen eles, nada disto sería posible. Achégase a 41.ª edición: este venres e sábado.
«A xente chega cando isto xa está funcionando, pero o traballo [de cara ao ano seguinte] comeza ao día seguinte de rematar a Carballeira», explicaba este luns José Espasandín, un dos veteranos. Vinculado á cita desde a súa oitava edición, foi testemuña do seu crecemento. Se antes os propios voluntarios asumían todas as tarefas, dende a limpeza do recinto ata a montaxe, hoxe contan con apoio municipal para algúns traballos. Con todo, o espírito segue sendo o mesmo. «Isto funciona exclusivamente a base da colaboración», resume.
Ese compromiso é precisamente o que distingue á Carballeira. Moitos dos que hoxe coordinan equipos comezaron axudando cando apenas eran nenos. Unha exposición no centro sociocultural, recoñecemento precisamente a esta entrega, dá conta diso: «Ves que hai xente que estaba aquí de rapaces e que agora son os que levan a responsabilidade».
Unha historia semellante comparten Ana Oróns, Lupe Nieto, Susana Otero e Pedro Otero: levan decenios formando parte do voluntariado. Nieto presidiu tamén Castro-Meda, a entidade organizadora. As primeiras lembranzas de todos eles mestúranse coa propia historia do festival: preparar polbo xunto ao río, organizar o traballo en cadea ou descubrir, anos despois, que aquelas responsabilidades adquiridas de maneira natural lles proporcionaran habilidades de organización que máis tarde aplicarían na súa vida profesional.
«Levamos tantos anos organizando que nunca fomos conscientes do traballo que realmente estabamos facendo», reflexiona Ana Oróns. Da ilusión pasaron á responsabilidade: «Agora somos máis conscientes do que movemos e do legado que queremos deixar aos que veñen detrás». A transmisión de xeración en xeración é a que garante a continuidade da festa e esa remuda xeracional é outra das bazas da Carballeira.
Os veteranos transmiten a súa experiencia ás novas xeracións que se incorporan: «Os nenos medran vendo isto e méteselles no corpo», coinciden os voluntarios. Susana Otero destaca que o verdadeiro segredo do festival é precisamente esa implicación colectiva. Pedro Otero, fotógrafo e voluntario alí onde faga falta, define estes días como «a eclosión de todo o traballo de moito tempo».
Ese sentimento tamén o comparte a xeración máis nova. Uxía Maneiro, de 16 anos, leva acudindo á Carballeira desde que naceu. Comezou a colaborar con apenas catro anos e non concibe o verán sen reservar esa data. «Es parte de mi vida. Vivo en Santiago todo el año y vengo exclusivamente para la Carballeira. Mis amigos ya saben que esa semana está reservada», conta. Para ela, o festival non é só un evento ao que asistir: «Forma parte de mí».
De non haber voluntariado, e se algún día deixase de organizarse desta maneira para converterse nun festival convencional, cren, perdería a súa esencia: «O que se palpa aquí é o trato, o cariño e a ilusión coa que se fai todo. Se isto fose un traballo contratado, perdería a súa alma». Con máis de 40 anos, a Carballeira segue medrando sen renunciar a aquilo que a fixo diferente sempre: unha comunidade que dedica centos de horas todo o ano para que, durante uns días de agosto, música e convivencia volvan encher Zas. Un traballo silencioso que rara vez se ve desde fóra, pero sen o que a festa, sinxelamente, non existiría.
Venres e sábado
Entre a tarde-noite do venres 7 e todo o día do sábado 8 de agosto pasarán por Zas nomes como El Nido, Baiuca, David Pasquet, Paco Nogueiras, Xabier Díaz, Cé Orquestra Pantasma, Mago Teto, Alana, Radio Cos, Backwest, Fillas de Cassandra ou Señora DJ. Tampouco faltará foliada, nin gastronomía, nin artesanía, nin acampada... Toda a información sobre entrada e demais na web do festival.