Fillas de Cassandra, Alana, Backwest e Radio Cos súmanse a unha Carballeira «arriscada» e «para facer historia»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

ZAS

Diego Blanco, Xurxo Fernandes, Manuel Muíño, Natividade González e Cristina Canosa, esta mañá na presentación na cervexaría Estrella Galicia da Coruña
Diego Blanco, Xurxo Fernandes, Manuel Muíño, Natividade González e Cristina Canosa, esta mañá na presentación na cervexaría Estrella Galicia da Coruña Eduardo Pérez

A 41.ª edición do emblemático festival de Zas deu a coñecer esta mañá a súa programación íntegra para o venres 7 e o sábado 8 de agosto. Nela, posiblemente a última ocasión para volver ver xuntos aos integrantes de Radio Cos 

05 jun 2026 . Actualizado a las 00:02 h.

Logo dunha 40.ª edición irrepetible, 100 % galega e feminina, virá unha 41.ª chamada a «facer historia». A Festa da Carballeira de Zas, impulsada dende a asociación Castro-Meda co apoio de Concello de Zas, Deputación e Estrella Galicia, deu a coñecer este xoves a súa programación ao completo. Coñecidos xa nomes como os de Xabier Díaz, Baiuca ou o francés David Pasquet, entre outros, súmanse ao cartel Fillas de Cassandra, Alana, Radio Cos ou o cuarteto irlandés Backwest. «Un cartel espectacular de primeiro nivel que promete converter a Costa da Morte no epicentro cultural de Galicia»: todo, o venres 7 e o sábado 8 de agosto. Un «festival boutique», con directiva renovada en Castro Meda e seguindo o testemuño de decenios de tradición: raíz, gastronomía e identidade. Houbo que transitar esa mudanza no equipo e, en fase de cambio, nunca doado e mesmo «convulso», armar unha estrutura que, entre outras cousas, devolverá o carácter internacional á cita: «A proposta máis arriscada da historia da Carballeira, ao tempo que impulsamos a súa proxección cara o futuro», trasladou Diego Blanco, novo presidente da entidade organizadora. Non sería posible, afirmou, sen o renovado apoio de Estrella Galicia, nin tampouco sen a Deputación con forzas ao fronte como a de Xosé Regueira, ou o Concello de Zas. 

Na cervexaría Estrella Galicia da Coruña, espazo de presentación do cartel e imaxe deste ano, Manuel Muíño, alcalde de Zas, mencionou unha superación ano tras ano, como de cada volta di: «Isto non debe opacar que a Carballeiraé unha festa diferente, con calidade musical e artística fóra de toda dúbida, pero ademais unha celebración onde a xente vén gozar da paisaxe, do entorno, unha festa que evoluciona constantemente». Hai xa anos que son dous días, e agora súmase un sábado que xa non é só noite, senón espazo lúdico-festivo todo o día: «E así é que non só sobreviviu máis de 40 anos, senón que segue sendo escaparate e espello para outros certames deste tipo». O seu agradecemento foi para voluntarios que fan súa esta festa e sinten orgullo dela, e tamén para os patrocinadores. «A protagonista hoxe é a Carballeira e Castro-Meda, ao Concello non nos queda máis que seguilos e agradecer que leven o nome do concello por toda Galicia e España», pechou. 

Natividade González, deputada provincial de Cultura, foi no mesmo camiño ca Muíño para darlles os parabéns a quen «fan posible todo isto ano tras ano», convencida de que non se chega a unha 41.ª edición «sen ter tido moitos problemas, a veces polo tempo, outras polos recursos». «Para a área de Cultura da Deputación sempre é un orgullo poder participar en festivais coma este. Dígoo sempre: nós temos os recursos para colaborar, pero vós sodes os que sodes capaces de convertelo no que o convertedes», engadiu. Puxo en valor «o cartelazo» e tamén os espazos interxeracionais, con oco importante «para os máis pequenos». «En 41 anos non se parou de medrar e evolucionar, pero sen deixar as raíces, a esencia, e iso ten moito mérito. Conseguir que a Carballeira sexa máis ca un entorno, esa convivencia de xeracións, de posta en valor da nosa cultura e patrimonio. Para nós é un auténtico pracer formar parte desta historia», sumou Cristina Canosa, técnica de Gastronomía e Proximidade de Estrella Galicia: «A seguir sumando anos e momentos xuntos, só me queda brindar por moita máis música na Carballeira de Zas». 

Eduardo Pérez

Tomando o relevo de Fidel Otero, como xa se adiantara meses atrás, agora é Diego Blanco quen encabeza Castro-Meda e quen asume a dirección do festival con ilusión e respecto polo legado recibido: «O noso gran obxectivo é manter intacta esa esencia popular que fai única á Carballeira e soster o gran nivel acadado polas directivas anteriores». Nese senso, Blanco tivo palabras para Fidel Otero: «O meu amigo e socio sempre, dez anos que levamos xuntos. Non concibo a Carballeira sen que el estea involucrado (...) Eres e seguirás sendo a alma da Festa da Carballeira». 

A DESPEDIDA DE RADIO COS

Será un ano singular, sen dúbida, e quizais a última ocasión para ver xuntos aos artistas de Radio Cos, que andan de despedida. Unha despedida «con cariño e amor», mais camiños que diverxen, como avanzou o artista Xurxo Fernandes nesta posta de longo. O seu vínculo con Zas é amplo, a través da xente maior «que me ensinou a cantar e bailar»: «Esa xente anónima, como María de Langueirón e outras persoas, ás que lles debo estar enriba dos escenarios e ter unha carreira artística». Xa para Radio Cos, afirmou, «é moi importante estar neste festival, que apostou por nós dende os comezos, hai 19 anos estreabamos alá, así que contentos de volver a esa terra que sentimos casa». «O festival conseguiu facer esa comunidade que envolve á música tradicional, polo voluntariado e pola xente que se achega sen importar que artistas haxa ese ano, apostan por pasalo ben, porque xa saben desa comunidade que fostes capaces de crear e manter con traballo, perseverancia e intelixencia», aseverou. 

O CARTEL E OS HORARIOS

Venres 7 de agosto

  • 22.00. El Nido. Algo de verbena moderna, de xota e de praza. Dende Castela e León para o mundo. 
  • 00.00. Baiuca. Enche prazas e é unha satisfacción para o festival poder incluílo no seu cartel.
  • 01.30. David Pasquet. Prometeu darlle guerra ao propio Baiuca. 

Sábado 8 de agosto

  • 12.00. Paco Nogueiras. Un incombustible na animación do público familiar. 
  • 14.30. Xabier Díez e Adufeiras de Salitre. Voces e pandeiretras movidas coma ninguén. A sesión vermú xa é buque insignia da Carballeira. 

  • Pola tarde: Mago Teto, Cé Orquestra Pantasma, Os Campantes da Baña, Os Petadores, Chorima, Os Argalleiros e Do Rivés. Non poderá faltar a foliada. Nin a feira de artesanía, para a que cada ano teñen máis peticións. 

  • Pola noite, das 20.30 en adiante: Alana (20.30), Radio Cos (22.00), Backwest (23.30), Fillas de Cassandra (01.00) e Señora Dj (02.30). Alana é esencia mesma da Costa da Morte. Fillas de Cassandra era un obxectivo por cumprir na edición feminina do 2025: chegan agora e con novos disco. Señora DJ foi unha grande sorpresa o ano pasado: será ela quen peche e quen asuma os entretempos, case merecedora dun «contrato vitalicio» en terras zasenses.

As entradas: En liña e en billeteira física

A venda anticipada de bonos en liña está a ter xa grande acollida. Pódense adquirir na web festadacarballeira.com ou nas redes do festival. De cara aos propios días, os prezos fixados para as entradas en billeteira serán de 20 euros o venres, 20 o sábado e un bono para os dous días completos por 30 euros.

Gratuidade na infancia e vellez

Co ánimo de facer un festival aberto e accesible a todos, a entrada será de balde para menores de 14 anos e maiores de 65.

E ademais...

A Carballeira terá espazo lúdico infantil, artesanía, variada oferta gastronómica e e zona de acampada gratuíta dotada con baños e duchas, a poucos metros do espazo, a máxica Carballeira de Velar. A isto, xa nas xornadas previas, haberá que sumar unha nutrida Semana Cultural.