Case medio cento de obras concorren á Mostra de Teatro Labarta Pose, todo un récord
ZAS
É a cifra máis alta das acadadas nestas nove edicións. Agora o xurado terá que facer a selección de cara ao programa do encontro
30 abr 2026 . Actualizado a las 18:53 h.O Concello de Zas vén de facer público o récord que este ano bateu a Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose. A novena edición do certame convocado polo consistorio pechou prazo de inscrición e o resultado é «histórico», a cifra máis alta das rexistradas ata o momento: 49 obras presentadas por compañías de toda Galicia. «Este éxito de participación confirma a consolidación da Mostra como unha das principais citas do teatro afeccionado galego (...) Evidencia o crecente interese das compañías por formar parte desta iniciativa cultural», traslada o Concello. «Recibir 49 propostas é un indicativo claro do interese que esperta esta Mostra en todo o país e do bo momento que vive o teatro afeccionado galego», engade o alcalde, Manuel Muíño, incidindo no carácter de punto de encontro que é xa Zas para cultura e artes escénicas. Agradece o esforzo das compañías e recoñece que agora o xurado terá por diante un proceso de selección complexo, pois das 49 obras presentadas haberá que escoller as cinco que integrarán o cartel da IX Mostra, así como outra tres de reserva. As representación terán lugar os sábados 23 e 30 de maio, así como 6, 13 e 20 de xuño. A cantidade e variedade de propostas avanzan, para Muíño, «unha edición moi rica e plural que elevará a calidade da programación final».
A Coruña encabeza a lista de obras que concorren con sete propostas; seguida de Ourense, con seis, e Vigo, con catro. De Santiago chegan tres, mentres que Cambre, Arteixo, Pontevedra, Lugo ou Nigrán aportan dúas. O resto de candidaturas chegan de O Barco, Ortigueira, O Carballiño, Carballo, Mugardos, Barreiros, palas, Bergondo, Corcubión, Vilagarcía, As Pontes, Foz, Barrañán, Cuntis, Ferrol, Santa Comba, Narón, O Porriño ou Vilanova de Arousa. A comedia volve ser a protagonista, con case a metade das obras que se presentaron, seguida do drama (14 %) e doutros xéneros: traxicomedia, teatro histórico, infantil, esperpento, monólogos...