A Carballeira de Zas encara a súa 41.ª edición con cambios na directiva

La Voz CARBALLO / LA VOZ

ZAS

A Carballeira de Zas, na súa 40.ª edición, foi integramente feminina e galega no escenario
A Carballeira de Zas, na súa 40.ª edición, foi integramente feminina e galega no escenario BASILIO BELLO

O festival folk xa ten datas, 7 e 8 de agosto. A nova organización asume o reto de «preservar a esencia» da cita 

30 ene 2026 . Actualizado a las 00:05 h.

Coa maxia vivida no 40.º aniversario aínda na memoria, a Festa da Carballeira de Zas pon a andar a maquinaria para a 41.ª edición, que será o 7 e 8 de agosto. Volverá ser unha das citas culturais de referencia no verán da Costa da Morte e un espazo de encontro para varias xeracións. Iso non muda, mais si haberá cambios, pois a organización desta edición vindeira asúmese cunha renovación da directiva. Nela convivirán persoas que levan anos formando parte da historia da festa con novas incorporacións que achegan talento, responsabilidade e compromiso, segundo deron a coñecer dende o festival: «Un equipo diverso que asume o reto de preservar a esencia da Carballeira, o seu espírito popular e o nivel acadado ao longo das edicións anteriores, ao tempo que traballa para garantir a súa continuidade e evolución». A organización, engaden, asume a nova etapa «cun profundo respecto polo camiño percorrido, consciente do valor social, cultural e emocional que a Festa da Carballeira ten para veciñanza e personas que cada a ano a fan posible». Polo tanto, o obxectivo pasa por «unha festa viva, participativa e fiel á súa identidade». En vindeiras semanas iranse coñecendo outras novidades, así como os primeiros anuncios en canto a programación e contidos.

Diego Blanco toma as rendas e Fidel Otero pasa a ser secretario

Ata o momento vicepresidente, é Diego Blanco Veiga quen pasa a asumir o temón da directiva que organizará a Carballeira de Zas. Substituirá nese cargo ao histórico Fidel Otero, que agora pasa a ser secretario. Ambos teñen manifestado o seu desexo de que haxa relevo, mais continúan desta volta co ánimo de facilitar unha transición cara unha renovación máis completa, sabedores de que hai xente nova con ilusión que se está involucrando. Completan a directiva Óscar Brenlla como vicepresidente; Susana Otero como tesoureira, e Fernando Nieto, Martín Domínguez, Alba Rama e Brais González como vogais. «A idea é repartir tarefas, profesionalizar a organización, e dende logo seguir contando cos voluntarios, non se entende a Carballeira sen eles», di Diego, xa doutra banda moi implicado na actividade do municipio. A inmensa maioría dos nomes viven a Carballeira «dende pequeniños».  

COMO PASA A estar integrada A DIRECTIVA

  • Diego Blanco: presidente (ata agora vicepresidente)
  • Óscar Brenlla: vicepresidente
  • Fidel Otero: secretario (ata o momento presidente)
  • Susana Otero: tesoureira
  • Fernando Nieto, Martín Domínguez, Alba Rama e Brais González: vogais