Chegaron os 40 anos: «Ei, Carballeira!»

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

ZAS

BASILIO BELLO

Catuxa Salom, Tanxugueiras e Agoraphobia serán os concertos desta primeira noite

08 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • O fin da Semana Cultural de Zas, hoxe, trae un comezo. E non un calquera, senón o máis agardado: o inicio da 40.ª edición da Festa da Carballeira. Iso será ás 22.00 horas, mais a espera pode amenizarse con danza urbana ou con arte en cera. O primeiro, ás 12.00 horas no centro sociocultural, será un obradoiro dirixido aos máis pequenos, impartido por Noa Martínez, de Punto Cero, e con necesaria inscrición previa. Tamén será así no caso do taller de adultos —arte en cera— programado para as 18.30, con A Mesa Coqueta. A partir de aí, todos os pasos irán cara a Carballeira de Velar, onde agardan os concertos de Catuxa Salom, Tanxugueiras e Agoraphobia. Poden mercarse as entradas en liña, de xeito anticipado, ata as 21.00 horas (10 euros para un día e bono de 18 se se inclúe tamén mañá). A partir desa hora será xa en billeteira física: 15 euros unha xornada e 25 as dúas. O movemento non está a ser pequeno: se o sábado pasado ían xa máis de 2.000 billetes vendidos, a venda foi medrando a medida que se achegaba o día.

E chegou: «Ei, Carballeira!».

A regueifeira Lupe Blanco, coristanquesa, será este ano a encargada de ir presentando e fiando os concertos. Unha muller que se suma a un programa íntegramente feminino sobro o escenario, e tamén 100 % galego.

Non só pola música, ollo, pode ir á Festa da Carballeira de Zas: tamén está o apartado gastronómico, todo a prezos populares, o mercado de artesanía ou o encontro social. Como novidade este ano —ademais do renovado escenario—, está o emprego de pulseiras cashless, poñendo fin a estes anos previos nos que se empregaba a fórmula de tiques. Todo aquel que queira acceder ao recinto da Carballeira, tamén os menores de 14 anos e maiores de 60, que non pagan, deben pasar por billeteira. Haberá postos informativos para quen teña dúbidas sobre o funcionamento das pulseiras, ou para súa recarga. Cómpre lembrar que, a todas as dimensións que ten a Carballeira, suma a solidaria: un euro de cada entrada anticipada servirá para investigar o síndrome de Rett. A asociación LGTBI+ ALAS A Coruña, doutra banda, instalará un punto informativo de 22.00 a 00.00, parte da campaña Liberdade de ser e sentir impulsada pola Deputación, colaboradora co festival zasense.

MONICA IRAGO

Señora DJ, tamén de 40.º aniversario: «Irei a tope coas divas»

Todo coincidiu ben este ano, ata para Raquel Soto, Señora DJ, a encargada de pechar mañá a Festa da Carballeira de Zas. Tamén ela vén de cumprir os 40 anos do festival, «en xuño», así que será unha boa nova celebración.

—Preparada para Zas?

—Faime moitísima ilusión, ten un cartel incrible, será unha honra facer o peche.

—Que lle parece o cartel 100 % feminino e 100 % galego?

—Sorprendeume cando o vin, a verdade, e deille a noraboa aos organizadores.

—Xa estivo por Zas?

—Temos tantas festas e festivais en Galicia que non tivera ocasión, nunca me coincidira, pero faláronme moi ben, do festival e do propio lugar.

—Non choca pensar nunha DJ para un festival folk?

—Pode, pero é que nas miñas sesións mesturo un montón de cousas. Podes escoitar a Rihanna ou a Britney, pero tamén a Fillas de Cassandra, Caamaño & Ameixeiras, Mondra... Penso que vai ser algo ben divertido, e seguindo co tema das mulleres da Carballeira, avanzo que vai ir todo de divas. Divas internacionais, nacionais, galegas... Vou a tope coas divas.

—Ten estado recentemente por Carballo. Vén moito por aquí?

—Pois poucas veces tiraba para arriba, ía máis para as Rías Baixas, pero este ano estou subindo bastante, incluso tamén para Foz ou así. A xente ten moitas ganas de festa.

—Como chegou a isto?

—Hai xa 8 ou 9 anos, de casualidade, nun festival. Meu marido era o que pinchaba nas festas, animáronme, probei, gustoume, gustei, e de aí fun saltando de festival en festival, de sala en sala... Neste verán aínda me queda Vilagarcía, A Coruña, Madrid...