Enrique Eduardo Iglesias: «En Brandomil inténtase recuperar o que fomos na historia»

ZAS

A descuberta do Brandomil romano trae para esta aldea de Zas un papel clave na provincia e en Galicia
16 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Dende a creación da Fundación Brandomil, no 2018, Enrique Eduardo Iglesias Seoane é o seu secretario. Funcionario, fillo de emigrantes a Uruguay, onde naceu no 1970, volveron a Zas cando el tiña só nove anos. Dende hai uns cantos está asentado en Brandomil. Iglesias sempre tivo gusto pola historia, lía e gardaba documentación antiga sobre a súa aldea ou confeccionaba árboles xenealóxicos da familia, así que todo o descobrimento do Brandomil romano que se está a producir teno implicado e ilusionado.
—Brandomil agochaba tesouros.
—Así se cría, xa polas pezas que se conservaban de tempos dos nosos antepasados. Por iso cando á fundación lle aparece a posibilidade de mercar algunha finca, foise para adiante, para facer catas. Sabíase que aí onde apareceu o xacemento pasaba a antiga vía que ía cara Muxía e Fisterra.
—Sorprendeulles aos veciños?
—Algúns dos máis maiores dicíannos que alí nunca atoparan nada. Pero en canto empezaron a saír muros, e a verse, non hai día no que non vaian para velo.
—A importancia de Brandomil non é só para Zas. É para Galicia.
—Hai pouco presentouse, por agora só o volume un, o libro Epigrafía Romana de Galicia, editado pola Fundación L. Monteagudo. Na comarca Terra de Soneira só aparece Brandomil, con 13 elementos, e Santa Baia de Tines (Vimianzo), cunha estela. Brandomil debeu de ser unha grande vila ou cidade romana hai moito tempo, e iso é o que se intenta recuperar, ese pasado. Recuperar algo do que fomos na historia. Hoxe non chegamos a ser 30 veciños.
—Fixeron xa varios documentais, editaron libros, promoveron escavacións... Nin Fundación nin Concello de Zas perderon tempo.
—E haberá máis proxectos. Por agora van tres documentais e dous libros. Andamos a voltas cun terceiro. A seguinte idea é crear un museo virtual dentro da web da fundación, con todas as pezas que saíron de Brandomil, para que dende un ordenador se poida ter acceso universal a elas. Velas fisicamente requiriría de permisos e percorrer moitos lugares, polo que esta visita virtual facilitaría o conxunto, sempre en actualización. É darlle a xente o gusanillo para que logo se achegue aquí, máis da que xa o está facendo neste momento.
—Teñen moitas visitas?
—Moita xente, e non toda a vexo eu. A veces coméntanme os veciños, e din tamén que convén unha sinalización, estamos niso. Noutras ocasións a xente que quere vir contacta co Concello de Zas, entidade que está a colaborar enteiramente con todo isto. Cando é así chámanme, por se ando por aquí, e se podo facemos un percorrido. Non son historiador nin arqueólogo, o que lles traslado é todo a forza de ler as memorias dos expertos nisto, do que lles escoito contar e de ver como evoluciona.
—Queda moito por descubrir.
—Cada vez que hai unha pequena escavación aparece algo máis. Na que fixo o Concello xunto á ponte vella apareceu ese camiño real e parece que pode haber calzada romana debaixo, superposición de vías. Sería un camiño real dos poucos que estarían á vista na provincia. Polo que din os arqueólogos, o que está a aparecer aquí é único. Isto pode xerar un futuro mellor para os veciños de Brandomil. Todo está rodeado ademais dun entorno natural, non explotado. Isto quedou aquí soterrado dous mil anos, e agora...
—Queren que quede á vista.
—A idea é, co apoio e autorización de Patrimonio, consolidar os muros, igual que a vía romana, para facer un museo ao aire libre, carteis, indicacións... En canto a escavacións, hai pendente un proxecto de novo por parte do Concello, pero precisamos que paren as chuvias para a intervención.
—Que lle gustaría que se atopase?
—Un miliario, ou algo que nos dixera que vila romana era Brandomil no seu tempo. Levamos uns 300 anos querendo sabelo [ri]. Temos a ilusión de que esa nova escavación que promova o Concello descubra tamén máis desa estrutura habitacional que se atopou.
—Visítanvos tamén pequenos?
—Cando hai escavacións sempre temos meniños. Dá gusto concienciar no respecto ao patrimonio, poden coñecer unha parte de Roma dende Brandomil. Outra idea pasa xusto por crear unidades didácticas para entregar nos colexios da zona, que logo cubran un pequeno formulario...

—Paran a ver os peregrinos?
—Si, e quedan sorprendidos, ver o camiño real a pé da ponte. Unha vía que foi enlace de comunicación entre Santiago e a Costa da Morte, Muxía e Fisterra, durante 1.900 anos, e que o seguiu sendo ata que se fixo a estrada.
—Na reivindicación do Camiño teñen outro punto de traballo.
—Continúase co traballo emprendido xa por xeracións dos 90 ou dos 2000. O Camiño pasaba por Brandomil, pero á parte do recoñecemento do Arzobispado precísase o da Xunta. Bifurcábase en Cotón, un ramal cara Muxía e outro cara Fisterra. Ese cara Muxía era o que pasaba, e pasa, por aquí. Non existe dúbida ningunha do carácter xacobeo deste Camiño.