Galaxia e Concello de Zas alíanse para publicar unha antoloxía poética de Labarta Pose

Marta López CARBALLO / LA VOZ

ZAS

O tenente de alcalde, José Manuel Brenlla, e o director de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, asinaron un convenio de colaboración.
O tenente de alcalde, José Manuel Brenlla, e o director de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, asinaron un convenio de colaboración. ANA GARCÍA

Componse de corenta poemas e está coordinada por Chema Rei e Xosé Manuel Varela

24 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes de final de ano Enrique Labarta Pose verá saldada unha débeda histórica coa súa memoria e co seu legado literario, xa que a editorial Galaxia publicará unha antoloxía coa maior parte dos seus poemas en galego. Son corenta, foron seleccionados e estudados por Xosé María Rei Lema e por Xosé Manuel Varela Varela e a idea é lanzar unha primeira edición de 700 exemplares, dos cales 200 serán adquiridos polo Concello de Zas para depositar nas súas bibliotecas e para entregar a modo de agasallo institucional.

Así o acordaron onte Concello e editorial nun convenio de colaboración que foi asinado polo tenente de alcalde, José Manuel Brenlla, e polo director de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo. Este último agradeceu a colaboración do consistorio e expresou o seu desexo de que esta publicación «sirva para dar a coñecer aínda máis a súa figura, non só aos veciños, senón tamén ás novas xeracións que se acheguen á cultura galega», apuntou.

Pola súa banda, o alcalde, Manuel Muíño, que non puido estar presente na sinatura do convenio, amosouse satisfeito por este fito e explicou que foi froito das conclusións extraídas nunhas xornadas sobre Labarta que se levaron a cabo hai algo máis de un ano. «Non hai unha recompilación da poesía deste escritor, e hai que dala a coñecer. Dende aquela vimos traballando nisto e elixiuse Galaxia, en parte, pola súa especial sensibilidade coa produción literaria en galego», sostén Muíño, que cree que isto suporá «un chanzo importante nesa carreira a longo prazo para lograr que a Real Academia Galega lle dedique o Día das Letras Galegas».

A antoloxía incluirá corenta poemas en galego dos arredor de corenta e oito que chegou a escribir o autor baiés, segundo conta Chema Rei. «É algo que viamos necesario e estamos contentos de que Galaxia se decidise a publicalo e de que o Concello se implicase. Os clásicos hai que visitalos», apuntou Rei, gran coñecedor da produción de Labarta xunto a Xosé Manuel Varela. Xuntos, encargáronse da selección e do traballo introdutorio previo que incorpora esta antoloxía, que será presentada a finais de ano.

De cara a un futuro próximo, por outra banda, valoran completar este proxecto publicando outro volume cos contos do autor.