O liño exhibiu forza como recurso local de futuro

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

ZAS

Rosa Sánchez, nun momento da súa intervención
Rosa Sánchez, nun momento da súa intervención ANA GARCIA

As Torres do Allo, en Zas, acolleron unha xornada e desfile arredor desta artesanía e da economía circular 

24 jul 2022 . Actualizado a las 23:57 h.

«Imaxina catro pés para un banco no que te sentes tremendamente cómoda». Con estas palabras ilustra Carmen Riveiro, presidenta da Asociación Amigos do Liño, a «exquisitez» dos catro relatores que tomaron parte o sábado na xornada en torno ao liño e a economía circular celebrada nas Torres do Allo (Zas). Presentados por Mónica Martínez, abordaron cuestións que oscilaron entre o turismo, por voz de Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación; a cohesión social e cultural, por parte de Ricardo García Mira, catedrático de Psicoloxía Social; a identidade e a economía circular, por parte da vimiancesa Rosa Sánchez, ADL, quen viviu con Riveiro dende o primeiro momento todo este proceso de recuperación do liño; ou a importancia de fixar o foco no que se ten cerca, nas orixes. Esta última vertente foi a pulsada polo físico baiés Jorge Mira: «Galicia ten potencial para sacar rendemento dos recursos que ten ao seu carón, recursos de proximidade, e ademais con ese toque identitario, que debe ser o paradigma que goberne o mundo. Apostando por ese potencial fíxanse recursos, poboación, créase riqueza e ademais é máis sustentable. O futuro está nas orixes. Temos que sacar partido a eses recursos do noso redor, como o liño».

Riveiro agradeceu a presenza do director xeral de Comercio, Manuel Heredia, e de Elena Fabeiro, xerente de Artesanía de Galicia, que tamén sumaron palabras ante un numeroso público, pese á cantidade de actos programados para esta xornada. Nas cadeiras, empresarios, autoridades locais ou Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia.

Heredia e Fabeiro admiraron as Torres do Allo. Aos seus pés instalouse a carpa que despois das conferencias acollería un desfile de prendas e complementos elaborados en liño. Case un milagre xurdido dunha semente. Desfilaron 25 modelos de idades variadas. «Para elas todo o meu agradecemento, que maneira de lucir as prendas sen ser profesionais», di Riveiro, que estende as grazas ao Concello de Zas polo seu apoio («tivemos a toda a corporación á nosa disposición») e ao equipo que a rodea, polo coidado de cada detalle. Así, non tendo encontrado camareiros, a organización asumiu a preparación e servizo no momento da degustación preparada: «Un 10».

ANA GARCIA

Confeccionaron todo con recursos ecolóxicos, sumando valor a un escenario coidado e a unha pasarela cargada de sorpresas, como o feito de que as modelos saísen dun abeto. Entre elas, Jennifer Riveiro, sobriña-neta de Carmen, Miss Guinea 2012, licenciada en Dereito e asentada en Madrid dende hai xa anos, quen viaxou tan só unhas horas a Zas para participar no desfile. 

ANA GARCIA

Con velas ambientaron a tarde-noite, arrolando a voz de Antía Muíño, acompañada por Miguel Arribas. O ocaso puxo fin obrigado á velada, «un punto e seguido cun toque diferente» á tradicional festa da Fía. O do sábado foi, quizais, «un formato máis completo».