As filloas de señora Carmen da Andragalla, en Zas

ZAS

ARCHIVO BIEITO ROMERO

EN PRIMEIRA PERSOA, por BIEITO ROMERO | O ritual desta incrible elaboración comezaba sobre as 4 da madrugada e remataba case no xantar

27 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A finais dos anos 80 do pasado século XX foi cando tomei a decisión de dedicarme profesionalmente ao mundo da gaita, e con isto estoume a referir ao seu estudo e investigación como instrumento, así como tamén á súa divulgación. Hoxe, trinta e tantos anos máis tarde estou moi satisfeito de ter tomado aquela decisión que tantas alegrías e bos momentos me ten proporcionado. Os anos iniciais desta andaina non eran precisamente favorables, mais aínda así, dei aulas de gaita en moitos lugares e a moita xente. Eran fundamentalmente nenas e nenos que hoxe xa son mulleres ou homes que, nalgúns casos, dedícanse tamén ao ensino deste marabilloso instrumento tan noso.

Entre os moitos lugares onde exercín como mestre, Zas, na Terra de Soneira, foi un deles. Cheguei alí por medio da Asociación Cultural Castro Meda. Dito colectivo foi e aínda segue a ser unha grande dinamizadora de todo tipo de eventos culturais na contorna, e mesmamente do seu seo saíu un dos festivais máis importantes de toda Galicia relacionados coas músicas tradicionais e folk: a Festa da Carballeira, un festival que no 2019 celebraba a súa 36.ª edición, a última antes da pandemia. Agora, despois de dous anos de parón obrigado desexamos que neste 2022 poida volver con normalidade e poidamos desfrutar dun evento único nunha fermosa paraxe inzada de bos recordos para min e lugar no que tamén teño tocado con Luar Na Lubre en varias das súas edicións.

Durante aqueles tres anos nos que ensinei gaita en Zas puiden coñecer mellor o seu territorio e as súas xentes, e daquelas aulas de venres pola tarde conseguín que algún dos rapaces se interesasen polo instrumento que aínda seguen a tocar na actualidade.

Mais sobre todo daquel tempo quédame na actualidade a valiosa amizade dalgúns deles. E como as vivencias e as relacións humanas en Galicia sempre as reforzamos moito mellor arredor dunha boa mesa, a parte gastronómica nunca estivo descoidada. Nestes eidos somos os mellores anfitrións e uns auténticos entendidos do arte do bo xantar, sendo o cocido un dos pratos estrela.

JOSE MANUEL CASAL

Aquí é onde eu fiquei abraiado vendo como se preparaba todo este ritual, pero fixándome particularmente na incrible arte da elaboración das filloas á pedra, típicas desa comarca igual que dalgunhas outras do noroeste galego. Filloas feitas cun amoado composto por fariña e ovos co engadido da substanciosa auga limpa do cocido e moldeadas nunha pedra de forma cadrada preparada especialmente para a súa elaboración. Unha pedra moi quente e ben untada de graxa de porco para lle dar sabor e impide que o amoado se pegue.

O protagonismo deste momento tan especial era para a señora Carmen da Folla de Vilar, no lugar da Andragalla (Lamas, Zas). Alí pasmei de como con moita paciencia, sen lle tremer o pulso (cando eu a coñecín xa pasaba dos 80 anos) e cunha arte impresionante facía unha a unha estas filloas de forma cadrada de tamaño para min inusual, 60/40 centímetros aproximadamente, finiñas como se fosen de papel que incluso poderían lembrar un encaixe de Camariñas.

Amoado de xeito delicado

Ver como ía botando o amoado de xeito delicado, como manualmente e co máximo coidado lles daba a volta e como conseguía o punto preciso para que quedasen ben triscas era digno de ver, porque ademais esas filloas tiñan que se poder dobrar para facer un triángulo que despois se comería acompañando o cocido como se de pan se tratase.

O ritual comezaba sobre as catro da madrugada e remataba xa case na hora de xantar. Non se detiña en ningún momento para poder controlar ben o lume da lareira, que debe ser o xusto, para facer as suficientes filloas e que chegasen para todos os comensais que eramos por riba de vinte. Aínda había quen levabamos as que sobraban para comelas os días seguintes. Un auténtico manxar para min novidoso e sorprendente, xa que o meu concepto de filloas estaba moi ligado á filloa tradicional redonda, feita na tixola con mellor ou peor xeito e con ingredientes variables, pero máis ou menos comúns, incluso as de sangue, moi típicas da terra dos meus pais en Ourense. Filloas do tempo da matanza, Nadal ou do entroido, para comer sen nada, con azucre, con recheos doces ou salgados, mais na Andragalla de Zas descubrín as filloas máis grandes que vin na miña vida, a arte da súa delicada elaboración nas mans da señora Carme e a súa familia, e un xeito de comelas para min sorprendente e suculento.

As filloas de Zas seguen a elaborarse na actualidade, e teñen un peso destacado no entroido
As filloas de Zas seguen a elaborarse na actualidade, e teñen un peso destacado no entroido ANA GARCIA

E foi grazas ao meu amigo Ángel Díaz, Picas, un daqueles rapaciños alumno de gaita. El foi quen me convidou en varias ocasións á casa da súa familia a eses inesquecibles xantares. Alí coñecín á súa avoa, a señora Carme da Folla, e alí aprendín un pouco máis de como somos os galegos. Ela marchou para non volver, pero queda o bo recordo na memoria de todos os que a coñecemos. Eu lémbroa como unha muller entrañable, tranquila, sabia e amorosa, desas mulleres que son sustento fundamental da nosa terra e da nosa cultura. E claro! Non podía ser doutro xeito, con esas marabillosas filloas feitas na pedra e con ela presente, sempre sonaba a gaita na súa honra.

Un auténtico ritual de clan que nunca se debería perder polo que representa, polo que significa e o valor que ten nos tempos que corren.

Apuntes biográficos

Bieito Romero. Naceu na Coruña en 1964. Gaiteiro e mestre de gaiteiros, intérprete de zanfona, compositor e, sobre todo, fundador e líder de de Luar na Lubre, un grupo que sempre ten á Costa da Morte nos seus traballos. Tamén o último, Vieiras e Vieiros. Historias de Peregrinos, dedicado ao Camiño de Santiago, que inclúe unha peza sobre o Vákner, figura mitolóxica que o Concello de Dumbría está recuperando. Neste texto fala da súa longa vinculación con Zas, onde deu clase e tamén onde tocou moitas veces, aínda que en realidade ten estado en todos os concellos da bisbarra.