Non volverá

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

ZAS

11 jun 2021 . Actualizado a las 09:37 h.

Ata non hai tanto, polas leiras de Mira, en Zas, unha familia traballaba a terra polo xeito convencional. Co carro das vacas, a sachadora e a sementadora de sempre. Máis aló de cuestións etnográficas, que quedarían ben para un comentario social ou antropolóxico, o que realmente hai de fondo é xente que non quixo romper co pasado na última etapa da súa vida, dure esta canto dure, e tendo as necesidades básicas cubertas. Moitas veces o vello, o que dá máis traballo, o que é antieconómico e que non ten nada que ver cos adiantos dos últimos anos, proporciona a algunhas persoas unha tranquilidade existencial que non lle daría o tractor ou os aparellos que fan o mesmo moito antes e se cadra bastante mellor.

Ese caso que cito de Mira non é o único. En ocasións (a moreas!) teño apartado na AC-552 dun home coas vacas á corda entre Agrilloi e A Agualada, e tamén doutro cun carriño tirado por un burro entre Dor e Agramar, en Camariñas. Si, hai máis casos, xa sei. Tamén paso con bastante frecuencia polas vacas que pastan nos herbais e montes de San Crimenzo, Dumbría, superando A Xestosa, pero xa non é o mesmo: son elas soas, xa sen a obriga de traballar na leira como sempre o fixeron as súas antecesoras. A bosta que deixan na estrada, antes insufrible, agora xa é unha das poucas pegadas que quedan dun tempo que se foi e que se vai. E sei ben do que falo, que me toca moi preto.

Esas imaxes, a de Mira, a de A Agualada, tantas, son de toda a vida, pero a inmensa diferenza é que foron as derradeiras. Non houbo máis despois delas, non haberá máis. Quen o soubera daquela, quen as puidera retratar.