«O papel fai máis real este traballo»: Zas polo Miúdo, en formato libro 

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

ZAS

Álvaro Ballesteros

Presentarase o vindeiro luns e vén completar as publicacións que se viñan facendo na Rede: falan os autores, Evaristo Domínguez e Xosé María Lema

11 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Zas polo miúdo é un proxecto iniciado no 2016 con fin de divulgar as 16 parroquias deste municipio. A documentación, recompilada e elaborada por Xosé María Lema e Evaristo Domínguez Rial, veuse publicando periodicamente na web do Concello, pero este vindeiro luns (12.00, centro sociocultural) presentarase a obra en papel do mesmo título, Zas polo miúdo, que recolle este traballo dos autores. «Ofrécese unha información exhaustiva para coñecer Zas», apunta Domínguez. No seu caso, a pescuda de información «vén de moi longo», pois sendo mestre no colexio de Zas, no 82, xa revisaba actas de pleno e buscaba no rexistro civil. A finais do 94, mesmo tiña un texto preparado, pois o Concello manifestara o desexo de publicalo, mais o proxecto quedou aí ata que, no 2015, o entón concelleiro de Cultura, Manuel García Velo, Lito, lles comentou a posibilidade de retomar a investigación.

«Pareceunos unha boa idea», di Domínguez, referíndose a el e a Xosé María Lema. As publicacións na Rede tiveron tan boa acollida -menciona o caso anecdótico dunha persoa de Sevilla-que se quixo darlle traslado ao papel a toda esta información. «Foi impresa na imprenta da Deputación», explica Evaristo, quen referencia o traballo de maquetación de Tania Carreira, técnica de Turismo en Zas. Será o luns cando el palpe a obra, ao fin. Como di, se todo vai ben, en tanto que co covid non son posibles os plans a longo prazo. Está prevista nesta presentación a presenza, ademais dos autores e do alcalde de Zas, Manuel Muíño; do vicepresidente e do presidente provinciais, Xosé Regueira e Valentín González, respectivamente. O acto forma parte do programa zasense polo Mes do Patrimonio: precisamente o luns, 16, é o Día Internacional do Patrimonio Mundial. A proposta estase completando dende inicios de novembro cunha serie de paseos virtuais polo concello, nas redes.

Ana Garcia

Papel de boa calidade, cor, unhas 300 fotografías, mapas, gráficos e debuxos enriquecen esta publicación que, de cada unha das parroquias, inclúe historia, documentos, superficie, núcleos de poboación, xurisdición á que pertencían no Antigo Réxime, relevo, estudo hidrográfico, xeolóxico, demográfico e toponímico, arte, restos arqueolóxicos e ata festas, tal é o caso da coñecida Carballeira folk, por citar un exemplo. «O libro dálle máis visibilidade a este traballo, faino máis real, porque o papel é o papel», sopesa Xosé María Lema. Di que algo houbo que reducir con respecto á Rede, pero aínda así a información é minuciosa. Comeza a obra polas parroquias da zona meridional e segue polas centrais e as do norte.

Lema fai fincapé en diversos aspectos, como a riqueza artística: «As igrexas e as ermidas son pequenos museos, con obras de máis de 250 anos». Menciona, por exemplo, o retablo de Loroño. Vería ben que ata se fixesen visitas guiadas por este patrimonio, como se teñen feito nalgunha ocasión polos pazos, outro eido no que Zas destaca. A paisaxe, «e sobre todo as paisaxes fluviais do Xallas e do río do Porto» tamén teñen presenza importante en Zas polo miúdo. Neste senso, alude á recente Ruta da Auga, que permite gozar de fervenzas como a do Rabiñoso, e menciona asemade o traballo das entidade veciñais na recuperación deste espazos naturais. O asentamento romano de Brandomil, a Arca da Piosa ou o «Bico de Meda» cos seus 561 metros erixido nunha atalaia de amplas vistas e fermosas postas de sol son espazos que para Xosé María Lema merecen recoñecemento, e así o teñen nesta publicación que non esquece aos persoeiros.

Labarta Pose, os irmáns Romero de Lema ou José López Pérez, por mencionar tres casos. Este último, cunha infancia ligada a Artón (Vilar), foi presidente do Centro Galego da Habana. Figura, tamén, Domingo Fontán, autor do primeiro mapa moderno de Galicia: o cuarto lugar por onde empezou esta carta xeográfica non foi outro que Follente. Nestes aspectos biográficos, tiveron Xosé María e Evaristo a colaboración de Chema Rei Lema. En definitiva, moito que coñecer de Zas: «Cando se fala da Costa da Morte pénsase en paisaxes mariñas, e son estupendas, pero no interior tamén as hai. Hai moito que aproveitar e temos que sabelo apreciar. A veces imos a miles de quilómetros...».