O Concello de Zas inaugurou a Ruta da Auga cun percorrido cargado de natureza

Vicente de Lema CARBALLO / LA VOZ

ZAS

XOSÉ AMEIXEIRAS

Un grupo de 25 persoas estrearon o itinerario, en fase de homologación

28 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A sonora sinfonía de outono da auga foi o fío condutor da ruta estreada este sábado polo Concello de Zas, na parroquia de Gándara, e que ten como principal agasallo a fermosura de tres fervenzas. O itinerario está en fase de homologación como sendeiro de pequeno percorrido. Só 25 persoas puideron participar na andaina, por orde de inscrición e de acordo coa normativa anticovid.

Saíron en autobús pasados uns minutos das dez da mañá de diante da praza do Concello de Zas. Na ponte do Sisto emprenderon a marcha río arriba. Á dereita, queda o leito fluvial coa súa música e unha media ducia de muíños que testemuñan a fartura de tempos. O abandono vainos vencendo pouco a pouco. En calquera caso enriquecen coas súas pedras manufacturadas un percorrido franqueado por especies arbóreas de ribeira e sendas de vello que gardan segredos de séculos. Sobre todo o Camiño dos Cregos, xa preto de Budián. Pouco máis ca un carreiro polo que aínda semellan resoar os pasos de xeracións e xeracións de veciños xa esquecidos.

XOSÉ AMEIXEIRAS

Os cans deste lugar saúdan aos camiñantes con ánimo e a aldea énchese de ecos vitais. Logo vén de novo a auga, no río da Fervenza ou do Muíño Vello, un prodixio xeolóxico que o regato nacido en Cuns (Coristanco) protagoniza saltando case medio cento de metros en menos de medio quilómetro.

E entre pedra a pedra, cinco muíños, que noutros tempos alimentaban coa fariña das súas moegas a persoas e animais do entorno. Alí colocaron un banco, máis que para observar absorto a caída da auga, para facer autorretratos para divulgar nas redes sociais, un fenómeno que enche o lugar de xente as fins de semana. Un engado que lle dá notoriedade a un espazo ata hai pouco totalmente abandonado.

Despois de gozar do espectáculo natural, prosigue a ruta pola beira maina do afluente do río Grande do Porto ata chegar a Parga. No medio do lugar está a vella escola e máis unha alvariza digna de parar un minuto.

A Fervenza de Parga é desas que alimenta lendas. Unha mociña á que lle prohibían os amores cun rapaz da aldea porque as súas respectivas familias non se levaban, acabou afogándose no pozo que forma a curtina de auga. O noivo, desesperado, marchou para sempre e vagou polo mundo adiante. Seica hai noites que aínda se oen os laios da afogada. Xunto ao cadoiro quedan restos dun muíño e mais as paredes dun inmoble que gardaba dous aparellos de batán. Hai quen di que a fada das férvedas, que vai abrindo as vellas canles coas súas propias mans, promete que, se vai moita xente a ese lugar, algún día poden chegar a funcionar de novo eses batáns.

O sendeiro faise nun suspiro. Logo hai que enfilar por un camiño acompañado polo río Grande do Porto cando aínda é ben pequeno. Ata chegar ao Rabiñoso, onde a auga se lanza polas pedras facendo unha engaiolante sucesión de fervenzas. É un lugar para gozar con parsimonia e sosego. Está ben limpo e incluso hai unha randeeira para ir e vir por riba do cadoiro. Unha pontella chea de séculos coroa toda esta fermosura. A volta discorre por camiños máis novos e é máis rápida, ata a ponte do Sisto, co maxín absorto na sintonía a auga.