A arte faise perenne cos retablos pétreos de Brandoñas e Santa Sía

Xosé María Lema

ZAS

XOSE MARIA LEMA

Dúas igrexas meridionais de Zas gardan exemplares de mérito

20 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Zas prepara a edición en formato libro de Zas polo miúdo, resultado do traballo que desde novembro do 2016 viñemos publicando mes a mes Evaristo Domínguez e quen subscribe en www.concellodezas.org. Confiamos en que a edición en papel contribúa a revalorizar o patrimonio natural, histórico e artístico das dezaseis parroquias do concello.

Entre as novidades no eido da arte chamáronnos a atención uns antigos retablos realizados en pedra en dúas das cinco igrexas meridionais do concello. En Brandoñas, os dous retablos laterais da nave, case xemelgos, con paneis enmarcados por columnas helicoidais e grandes volutas. Son de estilo barroco do primeiro terzo do século XVIII, tanto polas columnas helicoidais (chamadas salomónicas) coma pola decoración. O do lado norte presídeo unha imaxe dun Santiago cabaleiro vestido á moda dezaoitesca, con casaca vermella e tricorne na cabeza; no fornelo do corpo inferior, un san Domingos. Que haxa en Brandoñas un altar dedicado a Santiago reforza a existencia dun vello camiño xacobeo de Santiago a Muxía por Brandomil. No retablo sur colocouse na fornela superior unha imaxe dunha mártir que anos atrás estaba no norte; nos nichos do corpo inferior unha Virxe co neno no colo e un Ecce Homo, separados por un anxo portador dunha cruz. Na arquitrabe que separa os dous corpos hai unha inscrición na que se desvelaba o nome do doador, pero quedou mutilada.

XOSE MARIA LEMA

Carentes de documentación, o único dato que nos consta é a inscrición Ano 1717 no frontón dun fornelo da sancristía. En base a esta data e sobre todo pola feitura das imaxes atrevémonos a pensar que o seu autor non foi outro que o canteiro Domingos Martínez (de Pazos-Tines), de quen falamos hai pouco como o probable autor das fachadas-retablo do santuario do Briño (Borneiro) e da igrexa de Traba. Os Santiagos ecuestres de Brandoñas e de Traba son moi semellantes: polas súas vestiduras, os seus rostros serenos e, sobre todo, polas cabezas dos seus cabalos (xunto coa brida e as rendas). Martínez ben puido rematar a obra de Brandoñas en 1717 e despois pasar a Traba (1716-1724) e finalmente ó Briño (remataría a nave en 1733).

XOSE MARIA LEMA

Outro retablo pétreo interesante é o maior de Santa Sía de Roma, que consta dun ático e dun único corpo dividido en tres paneis separados, coma os de Brandoñas, por columnas salomónicas, pero neste caso cos fustes adornados con vides e pámpanos envolventes. No ático, baixo un relevo do Padre Eterno, hai outro da patroa (santa Sía) tocando un clavecín, como patroa da música que é. No corpo principal, á esquerda, un relevo de san Francisco salvando co seu cordón ánimas do purgatorio, e, á dereita, outro relevo representando a san Xoán Bautista. No panel central, un sagrario prismático, tamén de pedra, con relevos en tres caras que representan a san Pedro, san Paulo e a Cristo resucitado.

Desta obra só tiñamos o dato dunha inscrición co nome do párroco que a promoveu, Juan Antonio Salazar y Albarado, pero non o do artífice. Este puidemos pescudalo no Arquivo Diocesano de Santiago, no Libro de Fábrica parroquial de 1695 a 1790, onde nos consta o nome de Antonio García como «el maestro que ha hecho el retablo», ó que se lle pagaron 473 reais en 1715. Tal mestre seguro que era da comarca, e cómpre valorar o seu traballo, pois non é nada doado esculpir no noso duro granito un retablo de columnas con espiras e adornos e os complicados relevos dos santos das fornelas; aínda que o Bautista saíu algo desproporcionado, san Francisco coas ánimas está moi logrado. O motivo dunha certa proliferación de retablos de pedra na primeira metade do século XVIII na nosa zona foi sobre todo económico, pois entendíase que a obra en pedra era máis duradeira que a de madeira. E, ademais, resistía mellor os incendios.