Pablo Blanco: «Un pode ser galego sen estar en Galicia»

GENTES DEL FINIS TERRAE | Xunto co estradense Tino Barreiro, este mozo de Romelle vén de impulsar dende a diáspora o proxecto Fálame.gal. Así o conta el mesmo: Pablo Blanco Veiga, Pablo Honey

Pablo Blanco Veiga é natural de Romelle (Zas)
Pablo Blanco Veiga é natural de Romelle (Zas)

carballo / la voz

Con pai de Romelle e nai de Meanos, a orixe de Pablo Blanco Veiga (1981) está clara: Zas. «Son da xeración de fillos de emigrados que medraron cos avós, pero a min si que me levaron a Suíza e alí crieime ata volver dez anos despois, cunha adaptación a Galicia un pouco dramática. Teño sangue emigrante e a diáspora non me parece tan distante ou incómoda. Un pode ser galego sen estar en Galicia. Volvo a Romelle mínimo unha vez ao ano: é un lugar especial polo seu valor histórico, pero sobre todo volvo para estar coa familia. Teño unha sorte tremenda coa familia, moi humanos, abertos e sensibles. A emigración foi dura para moitas e moitos pero ampliou outros parámetros de pensamento e de comportamento, e levou unha capa nova de volta a Galicia. Aínda que non estou dacordo coa eminencia que se lles da aos que emigran ou que eles mesmos adoptan. Todas as opcións son boas e son moi persoais. Nun mundo novo ao que nos enfrontamos, espero que a xente en Galicia poida ter as mesmas posibilidades de traballo ou de calidade de vida sen importar onde estean», conta. Blanco está a ser nova estes días, pois xunto co creativo Tino Barreiro (Vinseiro, A Estrada) impulsou dende Nova York, onde residen por traballo, o proxecto Fálame.gal, que iniciou percorrido e publicacións o 17 de maio e que, dun xeito resumido, convida a falar galego.

-É coñecido como Pablo Honey. De onde vén?

-Pablo Honey foi o primero disco de Radiohead, unha banda británica á que lle teño afecto. Nun momento dado useino como nome artístico para unhas escenografías visuais que facía. Por ese sentido iniciático e porque soaba ben. Sen querer, as cousas saíronse de control, pasei a ser Pablo Honey para moitos amigos, tamén para a profesión e en Nova York.

-Por onde pasou ata chegar a Nova York?

-Eu quería ser xornalista, arquitecto ou facer belas artes. Pero acabei en publicidade e deseño. Era un camiño creativo supoño, a min gustábame escribir e o imaxinario visual. E se ben cheguei a traballar en Galicia, con dor paterna, porque os galegos son tan nobles que emigraban para que os seus fillos non o tiveran que facer, marchei para Barcelona. Con sorna e sorte, acabei nunha axencia reputada traballando para Camper e Mahou, ata que a considerada daquela a mellor axencia chamou dende Nova York. Dous anos antes fora de viaxe alá e quedara fascinado. Nova York ten un magnetismo moi particular e gústame a posibilidade que me da de ser anónimo.-

 -A que se dedica aí? Como foi a chegada?

-En Nova York vou facer 8 anos. A chegada foi sinxela xa que viña con traballo, visa patrocinada e demáis. Chegar e convivir con tanta diversidade de orixe e pensamento foi unha experiencia fascinante. Despois de varios anos como director creativo para clientes como Nike, Samsung, Volvo, ou Fossil entre outros, agora estou en Automattic, a empresa nai de WordPress, onde guío a disciplina de deseño para varios productos dixitais. Somos sobre 1200 empregados que traballamos todos de xeito distribuido (remoto) en 65 países do mundo. Tamén son profesor na Parsons New School. Tino é un Creativo independente, de Vinseiro, unha aldea de A Estrada. Leva algo máis de 4 anos en Nova York e despois de pasar por axencias multinacionais e independentes, traballa para axencias de publicidade e empresas relacionadas coa moda.

 -Por que nace este proxecto Fálame.gal e en que consiste?

-Pois a idea, naceu... falando. Tino Barreiro (Vinseiro, A Estrada) e máis eu coñecémonos hai un tempo aquí en NY e entre conversas, decatámonos que os dous temos moito interese en temas relacionados coa cultura galega e a lingua, así que este proxecto é un resultado de falar en galego da nosa cultura. O proxecto comezou o pasado domingo día 17 de maio. Ata o de agora recibimos preto de 30 deseños. Hai creadores de diferentes partes do mundo e tamén galegos. A idea é ir medrando pouco a pouco e sumar máis xente. Seguiremos publicando execucións gráficas mentras sigamos recibindo. Para participar no proxecto a xente pode escribir a ola@falame.gal ou enviar unha mensaxe no Instagram @falame.galNon hai unha idea fixa do que é Falame é ou poder ser, e poderá mutar do mesmo xeito que muta a lingua. Probablemente sexamos a xeración mellor formada académicamente e con coñecementos formais da nosa lingua, pero unha lingua sen uso, sofre. De aí esta plataforma "Fálame". Precisamos máis falantes, que a xente se sinta inspirada e orgullosa do galego, polo que é importante dignificar o galego con propostas de calidade, coa sofisticación que vemos noutras linguas e lugares. Existen exemplos nativos pero poucos. Hai casos históricos coma Luis Seoane que fixo unha labor de universalización da cultura galega que ainda nos asombra hoxe. E queremos manter o proxecto independente, con esa liberdade que che da non ser patronizado. A lingua non precisa patrocinadores que a bastardizan, a lingua precisa falantes e mentes creativas que a usen coa mesma dignidade que outras. Nun modelo global diferente ao que nos enfrentamos, a expresion local pode recuperar o tempo perdido e plantexarse como vehiculo para traballar, crear, e falar sen ese síndrome de inferioridade. E tampouco se trata de xerar a dicotomia falsa do galego versus outras linguas. O máis rico (coma no noso caso) é o uso de moitas linguas (incluso que se contaminen), pero onde o galego poida xogar un papel ao mesmo nivel como ferramenta creativa e de comunicacion.

 -Que foi e é para ti o galego?

-Tanto para Tino coma para min, o galego é parte da nosa identidade, unha identidade xa moi diversa, pero unha parte fundamental, case primaria. Non vivimos en Galicia pero falamos e lemos galego o que podemos. Primeiro porque é a lingua materna, e na que expresamos certos matices que non transmitimos noutras linguas que falamos. É certo que o temos contaminado, misturado con outras linguas, palabras e construccións. A diáspora fai iso, pero non deixa de ser galego, un galego abríndose, a pesares da ortodoxia. O galego de miña avoa Preciosa probablemente sexa máis fermoso que ningún formalismo. De feito, ela usa palabras que non existen no dicionario, pero que sobreviviron o tempo e a modernidade.

-Tanto vostede como Tino son rapaces de aldea, que diría Neira Vilas. Como se leva esto en Nova York?

-Ás veces disminúese o galego coma unha lingua rural (mais positivo de feito), pero ese localismo tamén te fai único, e convírtese nun factor diferenciador nun contexto tan masivo, tan urbano, e ruidoso coma Nova York. De repente, eres distinto, adaptable, discreto e mais resiliente, que quizais definiu históricamente a idiosincrasia do emigrante galego. Os galegos somos culturalmente calados, que contrasta coa hiperactividade social en NY. O silencio axuda en contextos embarullados.

 -Como viviron a situación do covid-19?

-A cidade de Nova York é moi densa, iso faina moi única para ben e para mal. Hai por exemplo un acceso a contido cultural infinito, pero esa densidade tamén a fai moi accesible a pandemias deste tipo. Sumado a un sistema sanitario escarallado, que por sorte Tino e eu non sufrimos pero é moi evidente e inxusto para moitos. Máis aló do drama sanitario e vital de tanta xente, a situación tanto para nós non variou moito a nivel laboral xa que traballamos desde as nosas casas. A distancia da familia e a incertidume xenera certo trastorno, pero intentamos enfocarnos en conectar cos nosos doutro xeito, a axudar a familiares a adaptarse a unha realidade mais dixital, e a pensar proxectos coma Fálame.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Pablo Blanco: «Un pode ser galego sen estar en Galicia»