Carballo / La Voz

A iso das 23.30 do venres, cando xa Perfusión actuara e os presentadores do festival -Monoulious DOP- dixeran que «foi o máis preto de África que estivemos», na Carballeira de Velar aínda había nenos xogando e ata carriños de bebés. O tempo era agradable, o chan ficaba limpo de vidro, como o estaría tamén ao final da noite -axuda moito o vaso ecolóxico-, e o entorno foi enchéndose dun público con peso xuvenil.

Foi nese ambiente onte aterrou unha cañeira Susana Seivane, que conmemorando 20 anos de oficio, levaba por vez primeiro o seu proxecto a Zas. Fixo bailar á xente; falou do seu último disco, «Fa» -iniciais dos fillos Fiz e Antón-, e amosou que aínda sendo unha mestra de gaita, tamén lle dá moito á voz. «Que dirán, que dirán por aí, que te quero, que te amo, que morro por ti»: con esta peza que lle ensinara seu avó foi quecendo motores e sumou ao público no tarareo. Conseguiríao, tamén, con «Mamá, pon papá pum pum» ou con esa historia cantada dos nenos que veñen de París. Foi intercalando pezas de distintos ritmos ata que, nun momento dado, baixou ao público na compaña do acordeonista para verse envolta nunha marea de xente á vez que tocaba un popurri no que era fácil recoñecer ao Sacristán de Coímbra ou á Rianxeira. Despediríase con «Ven bailar, Carmiña» e «Miudiño», cantadas por todos, para logo dar paso aos músicos bretóns e escoceses de The Celtic Social Club.

Xa era a unha e media da madrugada cando saudaron con un «Buenas noches, Carballera» cargado de acento. O violín celta, as frautas e gaita irlandesa ou de fuelle, dun lado, e a mestría de todos os integrantes, doutro, fixeron que os ritmos atlánticos, rock, reggae ou hip-hop soasen a folk. Dende a Bretaña ata Irlanda, dende Escocia ata Asturias. Vibrou con eles o público cando aínda quedaba o fin de festa con Dakidarría. En definitiva, unha grande noite de Carballeira, de verdadeiro espírito, tranquila, cos presentes gozando da música, que é a esencia. Ambiente inmellorable e organización perfecta.

Con estes antecedentes asentados, e agardando pola noite grande dos concertos da Carballeira, que foi esta pasada, foi avanzando o sábado en Zas. A base de mexilloada gratuíta para os asistentes, a base dunha longa sesión vermú con varias formacións, como Fourth Moon, a base de regueifa; de artesanía; de talla con motoserra; ou tamén dunha foliada aberta vespertina con grupos chegados de aquí e de acolá. A Carballeira de Velar recibiría das oito e media en adiante a Monoulious DOP, Tanxugueiras, Korrontzi, Tide Lines e Baiuca. As expectativas eran altas, así que ao peche desta edición quedaba por ver a entrega do público na 36.ª edición dun festival folk referente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Unha verdadeira noite de espírito Carballeira en Zas