Susana Seivane, gaiteira: «A ilusión é o que me move»

v. couto / p. blanco CARBALLO / LA VOZ

ZAS

BASILIO BELLO

A VIVA VOZ | Celebra 20 anos de profesión e hoxe actúa no templo galego do folk, a Carballeira de Zas

02 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Seivane é un apelido que soa a gaita, a gaiteiros. A artista (1976) será unha das almas da Festa da Carballeira de Zas deste ano -referente absoluto dos encontros folk-, que se celebra hoxe e mañá. Xentes da Costa da Morte, do Barbanza e do resto da comunidade están chamadas a acudir a un espazo cargado de maxia: o concerto de Seivane chegará esta mesma noite (23.00 horas). Do seu último traballo, Fa, e doutras cuestións falou onte en Radio Voz. Veñen días intensos para ela: mañá actúa nas festas da Coruña, na Praza de María Pita, e o domingo farao no Festival de Pardiñas.

-Con ganas de Carballeira?

-Téñolle moitas! En vinte anos de profesión, que xusto os estou celebrando neste 2019, nunca coincidiu de que puideramos ir.

-Mais aínda así, ten estado.

-Estiven, si, moitas veces. É máis, un dos meus primeiros concertos como solista, cando tiña dez ou once anos, foi na Carballeira. Estamos falando do 87, 88. Imaxina: unha nena tan pequena tocando para miles de persoas... Fora espectacular. Anos máis tarde, no 96 ou 97, estivemos tocando cunha banda de gaitas á que pertencía, Rexumeiros de Elviña. Fun ademais moitos anos de acampada, cos colegas, de público, a pasalo moi ben; pero co meu proxecto propio, como dicía, non.

-E chega, pois, no medio dun «tour» de 20.º aniversario. Dous decenios, nada máis e nada menos.

-O tempo pasou voando. Non me imaxinaba isto, porque nunca sabes como che vai ir nun traballo. Este é o meu, por máis que sexa tamén a miña paixón. En vinte anos pasamos por moitos países, viaxamos e vivimos moitas anécdotas. Houbo cousas boas e malas, como en todas as profesións. Si, dar deron para moito.

-Como se ve se mira atrás?

-Véxome máis cansada que hai vinte anos [ri], porque a idade vaise notando e esta é unha profesión que require estar moi en forma. Son moitas viaxes, moito esforzo físico para os concertos... Pero doutro lado tamén me vexo coa mesma ou máis ilusión que cando empecei: penso que é o máis importante. É o que respondo cando me preguntan por un consello para os rapaces que comezan: a ilusión é o único que che vai facer erguerte cando teñas algunha pedra no camiño, que as vas ter.

-Considera que mudou a esencia da súa música neste tempo?

-A esencia non, porque se por algo se me valorou no seu momento, aló polo 1999, cando saía o meu primeiro disco, foi pola miña esencia precisamente, polo xeito de tocar, de transmitir. En vinte anos, melloras técnicas e outros aspectos, pero a base segue sendo a mesma. O que ocorre é que o tratamento en canto á instrumentalización, ao acompañamento da gaita, e en si un pouco tamén a gaita, si mudou cara un son máis eléctrico, máis cañeiro. Fíxoo dunha forma bastante significativa, e é algo que se vai percibindo nos sucesivos discos.

-Como mira ao futuro?

-A miña vida persoal cambiou moito. Son mamá: teño dous nenos, un de seis, Fiz, e outro que vai facer catro, Antón. O disco que estamos presentando nesta xira chámase Fa, que son as súas iniciais: é un disco que fixen dende o corazón, dende a alma, dedicado a eles, á maternidade. Quen saberá onde estaremos dentro de 20 anos, pero a ilusión é o que me move, o que me leva a seguir facendo o que me gusta, ata cando poida.

-Volvamos á Carballeira: logo de tanto tempo agardando a que veña, que é o que poderemos escoitar no seu concerto?

-Vai ser algo especial: xa os concertos desta xira o están sendo, porque non só presentamos Fa senón que festexamos os vinte anos. Son uns espectáculos diferentes: non os podo desvelar porque se o fago non serían sorpresa, pero o que si digo é que hai unha participación moi significativa do público, como me gusta facer sempre, pero máis. Será unha especie de viaxe por todos os discos editados e polos temas máis significativos de cada un, tamén centrándonos no novo. E para saber o resto de sorpresas... hai que ir á Carballeira.

Os concertos desta noite na Carballeira de Zas

Perfusión (22.00 horas), Susana Seivane (23.00), Celtic Social Club (00.30) e Dakidarría (02.00). As entradas poden mercarse vía web -www.festadacarballeira.com- ou en billeteira. Mañá, entre outras propostas, actuarán Monoulious DOP, Tanxugueiras, Korrontzi, Tide Lines e Baiuca.