Confirman a existencia dunha vía empedrada de gran tamaño en Brandomil

La Voz CARBALLO / LA VOZ

ZAS

As catas arqueolóxicas, baixo a dirección de Lino Gorgoso, son promovidas polo Concello de Zas

23 jul 2019 . Actualizado a las 15:02 h.

As catas arqueolóxicas realizadas ao longo destes días en Brandomil, baixo a dirección do arqueólogo Lino Gorgoso, confirman a existencia dunha vía empedrada de gran tamaño que, nalgúns puntos, acada máis de cinco metros de ancho e que en ocasión chega incluso a meterse debaixo dos muros delimitadores das fincas colindantes, segundo informa o Concello. 

Trátase dun camiño realizado con lousas encastradas a modo de chapacuña e con superficie alombada no centro, que mesmo conta con verteaugas en cada un dos seus laterais. Algúns dos veciños e veciñas de máis idade afirman recordar esta vía ainda que non na súa actual extensión escavada. Grazas á fotografía antiga e coa axuda da veciñanza, o Concello de Zas promoveu a realización destas catas arqueolóxicas sobre unha vía antiga que bordea ó Río Xallas e chega ata a ponte, empregada durante séculos até a construción da estrada actual que leva a Muxía a comezos dos anos corenta do século XX.

Os resultados preliminares da intervención arqueolóxica deixan á vista un total de cinco tramos do camiño, catas de diferentes tamaños, seriamente dificultadas pola existencia de canles de auga que discorren cara a praia fluvial do Xallas. Segundo indica Gorgoso, o camiño ten unha conservación moi boa na maior parte das mesmas, apreciándose incluso a continuidade baixo os recheos da referida praia fluvial. Tanto o Alcalde do Concello de Zas, Manuel Muíño Espasandín, como Eugenio Rodríguez Puentes, Arqueólogo do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia, estiveron presentes durante as distintas intervencións realizadas e ambos coincidiron en expresar expresaron o grande interese que despertan estas boas novas arqueolóxicas.