Manuel Muíño: «Os veciños, os proxectos e o teu equipo danche a ilusión para seguir»

Juan Ventura Lado Alvela
J. v. lado CEE / LA VOZ

ZAS

Ana Garcia

Os novos gobernos | O rexedor  de Zas asegura que cuestións como o tanatorio e a praza de Baio son «cuestión de meses»

03 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel, Lolo, Muíño Espasandín (Baio, 1962) é psicólogo de formación e funcionario do Parlamento de Galicia en excedencia. Afronta o seu cuarto mandato como alcalde de Zas, de novo con ampla maioría absoluta que obtivo o BNG nas últimas municipais.

-De onde saca a ilusión para seguir despois de tanto tempo?

-É certo que despois de tantos anos sénteste un pouco canso, pero os propios veciños son os que che dan esa ilusión, porque na gran maioría dos casos son xente moi agradecida. Despois tamén tés proxectos en marcha que queres sacar adiante e está o teu propio equipo que non che deixa estar parado. Sempre hai xente nova, que vén con moita ilusión e sempre hai algún reto ambicioso polo medio. O día a día tamén che vai impulsando, porque o traballo nos concellos é moi agradecido. Vés que o que fas redunda nos veciños.

-A que obedecen os cambios no goberno?

-Á entrada de dúas persoas novas nos postos de saída, porque sempre hai xente que por temas persoais, por cuestións de traballo e iso ten que deixalo para centrarse noutros proxectos e estes cambios tamén che traen máis motivación.

-Vaise recuperar aquela liña harmónica de entendemento coa oposición que caracteriza a Zas?

-Cando se rompe unha liña, que era unha tradición de respecto -que as veces confúndense con que en Zas non había oposición, si que a había, pero o institucional estaba por enriba, mesmo cando nós eramos oposición- é moi difícil recuperala, polo menos con esta persoa, porque non confías nela. Cando alguén tenta meterche no cárcere ou que che inhabiliten, non porque pense que roubases, nin teña sospeitas dun uso fraudulento, senón por ir pola vía rápida e gañar nos tribunais o que non se gañou nas eleccións é imposible. Máis cando sabes que o que fas é por manter servizos, ao mellor non seguindo ao 100 % un trámite administrativo, que o fan o 99,9 % dos concellos, tamén os gobernados polo Partido Popular.

-Que hai que facer para manter sectores tan importantes coma o comercio de Baio?

-Plantéxanolo incluso a oposición: “Vostede que fai para...? Eu que vou facer para pelexar por exemplo con Amazon? Terá que ser o Goberno. Cóbrelle vostede impostos a esas grandes transnacionais, verá que poñen os mesmos prezos que o comercio local. Acabamos de decatarnos de que Netflix pagou 3.000 euros de impostos. Eu creo que lle pago a Facenda sobre uns 18.000 euros ao ano e calquera traballador paga máis deses 3.000. Ao Concello o único que nos pasa é que nos sentimos impotentes. Despois falan do rural porque queda ben. Se vostede realmente quere axudar ao rural, pois faga que aquel que vive nun lugar de 200 ou de 500 veciños non pague o IRPF, igual á xente lle dá por ir vivir a Zas, a Baio ou a Meanos. Compense vostede e non fale de «la España vaciada», porque se segue baleirando. Coma todo é cuestión de cartos e xa está inventado en Europa. Países coma Suíza teñen o mesmo problema, a xente márchalle para as cidades e subvencionan que viva no rural.

Ana Garcia

Os retos

Polígono de Lamas. «O fundamental é o polígono de Lamas, porque son máis de medio millón de metros cadrados, para desenvolver, en varias fases, claro», sinala o alcalde, que considera que esta dotación podería supoñer un antes e un despois para a actividade económica no Concello, sempre da man do impulso da iniciativa privada. 

Uso do remanente. Sería «moi importante poder gastar parte de ese aforro acumulado, porque agora mesmo xa estamos nos catro millóns de euros de remanente, cando o orzamento anual do Concello son tres e pico e, aínda por enriba, cun plan de axuste. É algo inmoral, kafkiano, como para ir a Bruxelas, por dicir algo, e poñelo de exemplo de como unha norma pode chegar ao absurdo», di o alcalde, que afonda en que foi unha lei creada polo ministro Montoro para que os concellos endebedados pagasen e non gastasen máis que o que tiñan, que acabou castigando aos que fixeran os deberes e non lles afectaba esa problemática. «Temos moitas necesidades e o peor é que o resultado desa boa saúde económica o único que che dá é liquidez, que outros non teñen, pero realmente non a podes repercutir nos veciños», detalla Muíño, que incide en que a lei segue aí e non se cambiou. Nin sequera é certo que agora se poida investir máis, porque se o fas un ano, despois pagas dous de plan de axuste.

Tanatorio e praza de Baio. «Son cuestións que xa as dou por feitas, porque aínda que non o están realmente é cuestión de meses», sinala o alcalde, respecto do tanatorio municipal e da nova praza que se vai facer no entorno da área urbanizable de Baio. No caso do tanatorio o básico agora é poñelo en marcha coa forma de xestión elixida, mentres que no caso da praza, o Concello xa tomou a decisión de facer unha ocupación anticipada do terreo, que lle vai permitir desenvolver as infraestruturas públicas, antes de que se leve a cabo a presumible construción de inmobles, sen que os propietarios implicados perdan ningún dos seus dereitos en canto ao reparto do terreo edificable.

Auga e saneamento. «Despois de todo iso o máis importante tamén é seguir mantendo as infraestruturas en bo estado. Temos aínda que facer en materia de saneamento e de auga, porque, tal como imos, vai ser un ben prezado tamén aquí. Hai que darse conta que a única industria que temos, ou digamos a única actividade semindustrial, son as explotacións agrarias, algunhas verdadeiramente importantes. Son actividades que consomen moita auga e tés que garantirlla, porque se iso que temos o chegamos a perder a verdade é que sería un verdadeiro desastre.

Vai co cargo: máis preguntas

-Quen foi a primeira persoa en felicitalo trala sesión de investidura?

-Supoño que algún dos concelleiros que estaba alí.

-Quen foi o primeiro que o chamou?

-Tería que pensalo... A primeira, a primeira ata non sei se non sería dun medio de comunicación.

-Empregará coche propio ou do Concello para os seus desprazamentos?

-O meu.

-Conserva aquel Reanult Vel Satis tan bonito que tiña? Debía ser o único da contorna?

-[Risas, o coche tiña unha estética complicada] Pois era moi cómodo e funcionaba de marabilla, o que pasa é que era bastante almatroste para andar con el todos os días, agora que para as viaxes longas tiña uns asentos que eran coma os da casa. Creo que había outro máis en Cee, pero de cor azul.

-Como leva o do vestir? Cústalle pór o traxe?

-Poño traxe en moi contadas ocasións, para a festa dos maiores ou cando vén así algunha visita con xente que temos invitada. No día a día vou bastante máis informal, a xente de aquí xa me coñece.

-Terá tempo para facer exercicio?

-Tentareino. Andar na bicicleta, basicamente, porque é o que me gusta e máis pasear. Agora no verán préstase para andar por fóra. Para o inverno teño unha estática.

-Irá de vacacións este verán?

-Si, pero non no verán, cara a finais de setembro. O ano pasado fixen a Vía da Prata dende Sevilla. O anterior, creo, dende San Jean Pied de Port, en bicicleta, claro, e este igual fago o Camiño do Norte

-Que lle falta ao seu despacho?

-Non lle presto moita atención. Téñoo como o tiña o anterior alcalde. Só quitei unhas cortinas que o facían moi escuro. Polo demais, está funcional e listo.

-E ao Concello?

-Quizais faría falta un espazo de oficinas máis luminoso con máis cristal, pero temos o Concello, penso eu, máis bonito da Costa da Morte, coa súa praza e aínda que habería que facer algunhas obras dentro, tés que pechar... e sempre o vas deixando.

-Con quen manterá a primeira entrevista de traballo?

-Xa tiven varias: co director xeral de Emerxencias e estou pendente doutra polo polígono do Allo e co director de Agader.