Susana Seivane: «A Carballeira de Zas é un dos meus festivais referentes»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

ZAS

Diego Fernández

Presentada a 36.ª edición do festival, que se celebrará os días 2 e 3 de agosto con formaciones galegas e internacionais

11 jun 2019 . Actualizado a las 17:19 h.

A organización da Festa da Carballeira de Zas, asumida de novo nesta 36.ª edición pola asociación cultural Castro-Meda, xa leva tempo avisando. Para o venres 2 e o sábado 3 de agosto non se ha de facer outro plan que non sexa acudir a este festival folk que vén de ser presentado na compaña da vicepresidenta e reponsable de área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín; do deputado e alcalde de Zas, Manuel Muíño; do director do encontro, Fidel Otero; da gaiteira Susana Seivane, cabeza de cartel nunha das xornadas; e do responsable de patrocinios de Estrella Galicia, Víctor Mantiñán

As palabras de Seivane na presentación levada a cabo na Cervexaría Estrella Galicia de A Coruña foron das máis emotivas. «Lembro a primeira vez que toquei, sendo un nena e recén chegada a Galicia, porque eu nacín en Barcelona. Empezaba a ser coñecida, como neta de Seivane, e comezaron a chamarme de festas e festivais para tocar como gaiteira solista. Tería uns dez anos. A segunda chamada foi da Festa da Carballeira e lembro que meu pai me dixo: «Chamaron para tocar nun festival grandísimo, Susana!». Lémbrase ela nerviosa, emocionada: «Foi impresionante tocar diante daquela xente todo, no ano 87, creo que foi. Fun acompañada de tamboril e bombo e montouse unha boa festa. Ademais, fixen de teloneira de Los Limones», lembra. Acórdase tamén do frío. Non sería logo ata o 96 ou 97 cando volveu a Zas cos Rexumeiros de Elviña («como unha familia»), mais dende entón, e nos 20 anos de carreira que Susana Seivane anda agora festexando, nunca puido volver á Carballeira, a veces por ter outras datas xa contratadas, a veces por motivos alleos a ela: «Así que estou super contenta, por fin, de estar nun dos meus festivais referentes dende pequena, un dos meus favoritos». Para chamar a druídas e meigas e que os días 2 e de 3 agosto cadren xornadas de boas temperaturas, non dubidou Seivane en pechar a presentación cunha tonalidade de gaita especial: «En sol». 

«Festivais hainos en todos os sitios do noso territorio, de verán e de inverno, dentro e fóra, pero é certo que o verán é un momento álxido. Dan vida, forza, enerxía, festa e alegría por todo o país. Nos últimos días presentamos o festival de Ortigueira, o Fisterra Blues... todos festivais pequenos, pero cunha impronta enorme, un selo de identidade, unha marca e unha proposta de altísima calidade», dixo pola súa banda Sanmartín. De par de grupos do País Vasco, da Bretaña ou de Irlanda, destacou, hai unha aposta por formacións do país, en «pé de igualdade»: as Tanxugueiras, Lupe Blanco, Alba María... A vicepresidenta da Deputación fixo fincapé, tamén, no «magnífico cartel», de novo cun deseño de Miguel Riveiro, cunha folla de carballo que simboliza a loita fronte á deforestación, «o acabar coa nosa terra». Simboliza, tamén, a importancia dos festivais para a área de Cultura da Deputación: «Un motor de dinamización económica importantísimo, sobre todo para os concellos pequenos, dun lado, e, doutro, unha maneira de expoñer, ver e presentar a cultura galega en todo o seu esplendor». É por iso, afirmou, que veñen mantendo dende hai anos dúas liñas de apoio a festivais, dotadas cun millón de euros. Como «espazo de convivio» que é a Carballeira de Zas, animou «a que todo o mundo vaia». 

«Para nós é unha honra tremenda ter este ano a Susana Seivane na Carballeira, é como saldar unha débeda», apuntou da súa banda o director do festival, Fidel Otero. Están satisfeitos co cartel («sempre cremos que é o mellor») e, segundo avanzou, nesta edición tocaranse distintos estilos: «Haberá moito folk e música tradicional, pero tamén música electrónica con Baiuca, ska, rock&roll, folk-pop con Tide Lines (Escocia) ou tamén regueifa». Agradeceu Otero a Estrella Galicia, Deputación e Concello de Zas pola súa colaboración: sen estas axudas, e sen o voluntariado, non tería sido posible chegar aos 36 anos. Volverá ser a Carballeira deste ano unha cita preocupada polo medio ambiente (haberá vaso ecolóxico e seguirase nese afán de reducir lixo) e tamén solidaria, en tanto que parte do que se recade polas vendas online das entradas será destinado á asociación Íntegro, con sede en Cabana. Polo demais, e a maiores da música, haberá ben onde elixir: gastronomía, artesanía... 

O programa deste ano

  • Venres 2 de agosto: a partir das 22.00 horas, Perfusión, Susana Seivane, Celtic Social Club e Dakidarría
  • Sábado 3 de agosto: a partir das 12.00, sesión vermú con Os Farrapos, Fourth Moon, Vudú e regueifa con Alba María e Lupe Blanco. Gran foliada e actuación de Monoulious Dop. Logo, a partir das 22.00, Tanxugueiras, Korrontzi, Tide Lines e Baiuca. 

 

«Xa son 36 anos e pasáronse por moitas vicisitudes. Para min, como alcalde, é unha honra. Dende que cheguei á alcaldía sempre tivemos como principal obxectivo manter esta festa. Non só é música, tamén é natureza, as dúas formas de arte que temos na nosa terra. Un ano máis, síntome moi orgulloso de ter esta festa no noso concello», valorou o rexedor, Manuel Muíño. Víctor Mantiñán, como responsable de patrocinios de Estrella Galicia, sinalou que para a empresa é moi importante seguir apoiando estas citas organizadas en Galicia coa música e a cultura como protagonistas: «En Galicia somos expertos en eventos dunha grande lonxevidade, e iso é sinal de calidade. Este é un evento marcado xa no calendario».